InicioCentralFozSabes que vai facer a Xunta tras os intensos lumes da Mariña...

Sabes que vai facer a Xunta tras os intensos lumes da Mariña deste outubro?

Publicada o

- Advertisement -

A Consellería de Medio Rural elaborará un informe técnico detallado sobre o estado da masa de arboreda nos montes afectados polos últimos incendios rexistrados na Mariña, un documento que servirá de base para planificar as actuacións oportunas para a recuperación.

Ademais, o departamento autonómico programará charlas cos propietarios forestais para axudalos a optimizar a xestión das áreas das que son titulares e axilizará as curtas de madeira, co obxectivo de tratar de aproveitar este recurso da mellor forma posible.

Estes asuntos foron trasladados polo conselleiro de Medio Rural, José González, nunha reunión mantida cos alcaldes de Ribadeo, Daniel Veiga; Trabada, Mayra García, e Foz, Francisco Cajoto. No encontro, do que informou a Xunta nun comunicado, tamén participaron os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez,e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan.

O obxectivo do encontro, conforme indicou a Xunta, foi abordar a situación creada tras os incendios que rexistraron recentemente nos montes destes municipios da Mariña luguesa e analizar as diferentes liñas de colaboración para a recuperación do territorio afectado.

No encontro, ademais, abordouse tamén, cun enfoque máis a longo prazo, a planificación integral do territorio, na procura de avanzar cara a fórmulas que profunden na mellora da xestión do forestal, cun enfoque sustentable tanto desde o punto de vista económico como social e ambiental.

ALCALDES

Preguntado respecto diso, o alcalde de Ribadeo, o popular Daniel Veiga, cualificou de “moi positiva” a reunión, que enmarcou na “colaboración total e absoluta” entre administracións. Segundo dixo, a cita serviu para marcar unha “folla de ruta” e un “guión de traballo” para despois concretar medidas. Ademais, sostivo que non é o momento de “partidismo”. “Non teñen ningún tipo de cabida”, afirmou.

Ademais, a rexedora de Trabada, Mayra García, fixo unha valoración positiva do encontro e apostou por “seguir traballando conxuntamente para tentar que os propietarios teñan uns prezos de venda adecuados”, así como para mellorar a xestión forestal no referido a infraestruturas e dotacións.

Pola súa banda, nun comunicado remitido aos medios, o rexedor de Foz, o tamén socialista Francisco Cajoto, explicou que trasladou á Xunta distintas propostas para unha mellor xestión do monte e prevención fronte aos incendios.

Cajoto sostivo que “A Mariña, xunto co norte da Coruña, é o principal centro produtor de eucalipto de España” e considerou que estes lumes foron “un aviso” de que hai que mellorar a xestión con “urxencia”.

Entre outras medidas, defendeu unha profesionalización do servizo de extinción e sinalou que modelo de convenios cos concellos para crear brigadas municipais con persoas en paro durante dous ou tres meses “quedou desfasado”.

Ademais, lembrou que os incendios que afectaron a estas localidades tiveron lugar en outubro e sinalou que se necesita persoal profesional “todo o ano”. Entre outras cuestións tamén reclamou medios e persoal suficiente en todo o territorio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...