A concelleira de Economía e Facenda e segunda tenente de alcalde no Concello de Foz, Inés López Couto, explica que “o Partido Popular esquécese de que durante os peores anos da crise subiu o IBI sen mirar a quen lle afectaba, tanto en rústica coma en urbana, e non o fixo unha vez senón varias con subidas do 10 por cento acumuladas, aínda que iso non servira para que as obras do Concello saíran de mellor calidade: véxanse as goteiras no pavillón de Marzán e as fochancas na Avenida da Mariña, que por certo non se fixo con fondos propios e na que hai que volver a investir debido á súa ineficiencia neste eido”.
Inés López aclara que“obviamente a comparación de 2014 e 2015 con 2024 parece ridícula, contando xa que a inflación acumulada é de máis dun 17,5 por cento, a subida dos salarios do persoal municipal é superior e os servizos non custan o mesmo; xa sabemos que iso ao señor Castiñeira non lle importa, acóllese ao discurso fácil da demagoxia. Debería recordar tamén que grazas ás súas xestións o Concello de Foz ten que asumir un servizo de residencia, que, aínda que necesario pero insuficiente, é responsabilidade da Xunta de Galicia e para o que ten que poñer no seu orzamento 240.000 euros que deben financiar todos os veciños. Os custes das competencias trasladadas pola Xunta ao Concello son do entorno dos 800.000 euros”.
A concelleira de Economía engade: “os veciños saben que os servizos non custan o mesmo que en 2014 e que o Concello lles axudou nos peores momentos da crise, ao revés que o Partido Popular, que lles subiu os impostos nese momento. Se Foz quixese quedar estancado no 2014 continuaría pola senda que o PP marcaba, pero quere avanzar, mellorar, conseguir novas infraestruturas e renovar as antigas e para iso necesita todos os recursos de todas as administracións. Por iso lle pedimos á Xunta que asuma as súas competencias (véxase a residencia, o SAF, as escolas infantís,…) e ao Estado que reforme a lei de financiamento local.”
“Coma sempre, pedímoslle responsabilidade ao señor voceiro da oposición. Mire ao seu redor e baixe da parra, que desde as alturas non se goberna ao pobo”, remata López Couto.