O Concello de Foz abriu ao público hoxe, martes, o parque infantil de tráfico situado no peirao de Foz, unha zona segura de 2.100 metros cadrados para aprender a andar en bicicleta. “Pensamos en que os espazos deben usarse, non permanecer pechados. Despois do traballo feito por alumnos da Escola Obradoiro e por operarios municipais rehabilitamos o parque de tráfico do porto de Foz, que agora abrimos permanentemente ao público. É un espazo idóneo para aprender a andar en bicicleta xa que estamos a falar dun circuíto de 330 metros de lonxitude con rectas de 60 metros nun entorno seguro, explica o alcalde, Fran Cajoto.
O espazo, no que tamén se permiten patinetes e patíns, pecharase unicamente en caso de xornadas organizadas pola Policía Local. O concelleiro de Parques e Xardíns, Ángel Fernández Neira, engade que “a aula está aberta a todos os colexios que queiran programar unha xornada de educación vial, que será impartida pola Policía Local de xeito gratuíto. Para fixar unha data deben poñerse en contacto coa Policía Municipal e facer unha solicitude no rexistro do Concello”.
O uso polivalente do espazo segue a tendencia que se marcou no anterior mandato coas pistas deportivas de Pintor Laxeiro, situadas no recinto do CEIP O Cantel.
Tamén hoxe, martes, a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar un convenio de 120.000 euros co Concello de Foz para a renovación completa dos parques infantís de Julia Minguillón, Marzán e Cú do Castro, na praia de Llas.
“Seguimos a coidar as nosas rúas e os nosos parques, nos que todos os días xogan as pícaras e pícaros de Foz. Do mesmo xeito que fixemos no Paseo de Colón, na Rapadoira, na área de xogos da Praza de Galicia ou no parque de Uxío Novoneyra, grazas ao presidente José Tomé e á financiación da Deputación de Lugo imos renovar tres parques que están nun mal estado de conservación: Julia Minguillón, Marzán e Cú do Castro, en Llas”, indica o alcalde, quen especifica que “a renovación do parque de Julia Minguillón, de 250 metros cadrados e orzamentada en 63.000 euros, inclúe a substitución do chan de losetas por un pavimento continuo encapsulado de cores, no que se van a dispoñer entre outros xogos dúas estruturas con tobogáns, randeeiras e resortes. Os parques de Marzán -125 metros cadrados- e Cú do Castro, en Llas -153 metros cadrados- recibirán uns investimentos de 32.000 e 25.000 euros respectivamente e inclúen tamén a disposición de novos chans de pavimento continuo encapsulado e novos xogos e estruturas”.
Para rematar o rexedor municipal destaca: “seguimos traballando co obxectivo claro de crear entornos seguros e mellorar os espazos públicos da nosa vila e de todo o concello”.