InicioEconomíaCheché Real: "Os hostaleiros de Foz preguntan por que non houbo unha...

Cheché Real: “Os hostaleiros de Foz preguntan por que non houbo unha reunión avisando da suba de taxas”

O presidente dos hostaleiros lugueses tivo unha reunión co alcalde de Foz, Fran Cajoto, para mediar e trasladarlle ao mandatario focego a inquietude do sector no concello ante a suba das taxas para terrazas. Isto faise logo de tres anos en que, por causa da COVID, non se realizaron incrementos paulatinos nestes gravames. Desde o sector consideran necesaria unha reunión co Concello para tratar un factor que pode supoñer un aumento nos custos para moitos negocios.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal foi o seu cometido na reunión co Concello de Foz e os hostaleiros locais?

Eu fun mediar, quen sabe mellor canto sucede son os hostaleiros de Foz. Agora estamos esperando que o equipo de Goberno local poida recibirme ou senón, que reciba representantes do colectivo de hostaleiros. É certo que as taxas levaban tempo sen subir, estaban exentos como en calquera outro lugar durante a pandemia de 2020 a 2022. Non é moi normal subir de súpeto todo o aforrado neses tres anos sen avisar. Nós entendemos que debemos pagar os impostos e as taxas, forman parte do benestar, mais unha suba desproporcionada hai persoas que non a entende. Por iso digo que esperamos unha reunión co alcalde de Foz con representantes hostaleiros para explicarlles aquilo que vexa conveniente explicar. Iso por unha parte, pois sería mellor terse reunido antes co sector para anunciar as medidas que se van tomar. Digo isto porque todos están e estamos de acordo na necesidade de pagar impostos e taxas. Despois hai algo importante, se agora me soben o que non subiron en tres anos, non me fixeron ningún favor, iso foi unicamente un aprazamento. Se despois de agradecer a freada de subas durante tres anos e agora veñen todas as subas nun só golpe, non hai nada que agradecer. Só nos estarían aprazando o pagamento.

-Mais ao final reuniuse co alcalde?

Eu estou moi agradecido co alcalde por terme recibido e permitirme mediar entre hostaleiros e Concello para poder expresar as inquietudes do sector. E a proposta que lle fixen foi o desexo dos hostaleiros por seren recibidos e así poderen falar con el.

-Aínda así, a suba non deixa de ser tan alta como repentina.

Querería que nesa esperada reunión entre sector hostaleiro e Concello se poidan explicar os motivos. Eu podo supoñer moitas cousas, mais non vivo en Foz, estou representando aos hostaleiros do lugar e os hostaleiros de Foz estanse a representar a si mesmos, que deben ser entre trinta e corenta. Realmente están a preguntarse por que non houbo unha reunión previa para falarmos sobre os puntos que buscaba aplicar o Concello. En definitiva, por que non se consensuou a suba? Porque ninguén se nega a pagar, ao revés, agora, si se busca unha explicación e por iso se pide unha reunión entre alcalde e dous ou tres representantes sectoriais para teren unha resposta que transmitirlles ao resto do segmento hostaleiro.

-Déronse casos semellantes no resto da comarca e na provincia?

Polo que eu sei, non. Non sei se é algo excepcional, mais non teño noticias doutra situación como esta. En Lugo cidade as terrazas estaban exentas de pagar taxas do 2022 mais un erro técnico obríganos a pagalas. Entón, a través do Concello miraremos de corrixir ese erro técnico.

-Como pode afectar a suba en Foz de cara ao Nadal e logo outras festividades?

Isto afecta a terrazas abertas, as pechadas por catro paraventos non se consideran terrazas senón unha traslación do negocio interior cara o exterior, pois as terrazas abertas non funcionan co mal tempo. A consecuencia de todo isto pode ser que unha vila turística como é Foz quede sen terrazas por deixaren de ser rendibles. Todo isto é cuestión de valorar as cousas, mais había que telo consensuado antes.

-Canto suporía en gastos para os hostaleiros pagar as taxas tal como pide agora o Concello?

Moi difícil de calcular pois a superficie varía dunha a outra. Non sei cal é a porcentaxe.

-Aínda así, este incremento máis os gastos que veñan suporán un esforzo extra para o sector.

A hostalaría está tocada e outros tiveron que pechar. Mais este é un sector dinámico pois un que pecha axiña hai outro abrindo, con todo, non son os mesmos patróns.

-Podería desincentivarse o dinamismo no sector de materializarse a suba?

Si, por suposto, o excesivo prezo do chan público botará para atrás a instalación de terrazas porque os propietarios non terán rendemento suficiente que lles permita ter rendibilidade. As terrazas son un atractivo turístico e despois da COVID máis porque asistimos a unha gran proliferación destes espazos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...