A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que despois da emocionante tarde de acendido das luces de Nadal, a comezos deste mes, agora chegan as vacacións invernais dos máis pequenos da casa e os días con máis actividades en Foz.
Inés López especifica que “esta fin de semana Papá Noel estará esperando a visita de todos os que queiran estar un ratiño con el na súa casiña situada na praza do concello. O domingo 24 a partir das 12 da mañá todos os que queiran poderán achegarse a visitar a Papá Noel e pedirlle que cumpra os desexos de última hora, xa que esa noite terá moito traballo para chegar a todas as casas. Non estará so porque os nenos do coro da Escola de Música percorrerán as rúas animando con panxoliñas. Pero antes os elfos de Papa Noel estarán polas rúas: poderás atopalos se te achegas a ver o espectáculo de teatro infantil Coa música a outra parte o sábado 23 ás 12 da mañá na Sala Bahía ou se pola tarde, ás 17.30 horas, volves á Sala Bahía a ver o festival infantil da Subela. O venres 22 ás 19 horas tamén poderás gozar do festival de Nadal da Escola de Música Arcadio Mon, tamén na Sala Bahía”.
A concelleira de Cultura engade que “a partir do martes 26 e ata o venres 29 en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas o Parque Infantil de Nadal estará aberto na Sala Bahía. Os nenos poderán desfrutar do mini tren, de inchables, de talleres, a barredora wipe out e outras actividades de forma gratuíta. O mércores 27 tamén haberá unha representación de A estreliña despistada, de Trécola Teatro, na Casa da Cultura ás 12 da mañá, organizada pola Biblioteca Salgado Toimil. O sábado 30 ás 20 horas a Sala Bahía acollerá o tradicional concerto de fin de ano da Banda de Música de Foz. E para pechar o ano o día 31 ás 12 da mañá será a Escola de Música a que poña a guinda cun concerto na praza do Concello”.
López Couto anuncia tamén que “xa no ano novo, os días 2 e 3 no Pavillón de Marzán e no mesmo horario do Parque Infantil de Nadal, poderase desfrutar do deslizador tubby xtream. O día grande, o venres 5, a partir das 18.30 horas os Reis Magos chegarán a Foz. Pasearán polas rúas no seu percorrido habitual dende a praia da Rapadoira, sairán ao balcón do Concello e finalizarán cunha recepción na Sala Bahía, que terá chocolatada con roscón para todos. Este ano a cabalgata será especial e contará cun novo espectáculo acompañándoa; esperamos que os máis pequenos desfruten moito”.
Para finalizar o Nadal Os Bolechas chegarán a Foz o domingo 7 ás 12 da mañá na Sala Bahía, onde tamén se entregarán os premios do concurso de postais da Biblioteca Salgado Toimil, que este ano escolleu como postal gañadora á de Andrea Riveira Barcia, do grupo de Primaria A, e que se utilizará para felicitar as festas de todos os focegos e focegas por parte da Alcaldía.