-Nestes momentos cal é a oferta educativa do IES de Foz?
Xunto coa ESO e o Bacharelato temos a ESA e o Bacharelato de adultos polas tardes ademais de termos ciclos formativos da familia profesional da hostalaría. Temos FP básica, ciclo medio e ciclo superior tanto de cociña como servizos.
-Que son os estudos da ESA?
Equivale á ESO aínda que dirixidos a xentes maiores de 18 anos, son persoas que no seu momento non puideron finalizar eses estudos ou no seu momento o que era BUP, aínda así temos todo tipo de casuística. Para esta xente temos esta oportunidade para poder recoller o título.
-Cales son os resultados que está tendo a ESA?
Ben, son resultados aceptables mais hai moito alumnado con varios anos sen estudar porque se non acabaron a ESO foi por cuestións personais, mais con estas persoas traballamos doutra maneira, mais acadan os resultados esperados.
-Describe o bacharelato para adultos.
Son persoas maiores de idade, teñen contratos de traballo compatibles ou teñen unha enfermidade que non lle permite polas mañás. Os resultados son un pouco máis baixos porque o bacharelato son estudos máis esixentes. No caso da ESA, a xente saca o título porque llo esixen para unhas oposicións ou para un traballo. O bacharelato, pola súa parte é máis esixente e por iso pode custarlles algo máis.
-Sobre os estudos de hostalaría, que estudos se imparten e como se desenvolven?
Temos os estudos para ser cociñeiro como para ser camareiro, denominado servizos. Desde os máis básicos, a FP básica, aquel alumnado que non finaliza a ESO e é derivado en 2º da ESO, outras en 3º ou 4º. Desta maneira poden ter o título da ESO e de FP básicos. O ideal é que cando finalicen continúen cos estudos de ciclo medio, tanto de cociña ou camareiro. Logo están os ciclos superiores e a formación dual: seis meses de formación e seis meses nunha empresa de maneira remunerada. Eses son os estudos no IES de Foz. Logo polas tardes temos a modalidade de ciclo medio de cociña para adultos con xente maior de 21 anos. Logo temos FP de adultos, persoas maiores de 50 anos que veñen aprender a cociñar, hai moita xente xubilada, e este é o ciclo máis numeroso, ten moitísimo éxito.
-Que resultados están tendo os estudos de hostalaría?
Quen queira estudar esta rama ten moitas saídas, fai falta moita man de obra. A hostalaría cambiou, falamos en temas salario e horarios e mesmo vacacións. Nós queremos que o vexan, que sexan partícipes e que outra hostalaría é posible.
-Ademais das prácticas remuneradas tamén realizades Erasmus coa FP de hostalaría?
Si, realizamos moitos Erasmus cos ciclos de FP, calquera alumno ou alumna pode ir ao estranxeiro.
-Cales son os destinos máis solicitados?
Gusta moito Italia mais ultimamente van moito a Alemaña, República Checa, Francia e tamén teñen ido a Turquía.
-E cal é a opinión dos centros receptores sobre o alumnado de Foz que vai a eses países?
Falan moi ben deles, que son un alumnado cunha formación práctica moi boa. Aquí temos un comedor escolar con 170 rapaces e iso implica un traballo real que noutros centros non sucede.
-Tamén tedes unha aula da UNED.
Temos unha aula da UNED que é a sede para a Mariña onde se poden cursar diferentes carreiras. Diría que Turismo e Historia, mais podemos dicir que hai de todo pois tamén poden conectarse virtualmente.