Efectivos dos Bombeiros de Barreiros rescataron na tarde deste xoves unha muller que caeu por un cantil no municipio lucense de Foz.
Segundo a información do CIAE 112-Galicia, unha persoa chamou esta tarde para alertar de que unha muller caeu sobre unhas rocas nun cantil situado na parroquia de Nois.
A vítima, que permaneceu consciente todo o tempo, estaba a unha profundidade duns 30 metros e tiña importantes lesións nunha perna.
Até a zona foron mobilizados os Bombeiros de Barreiros, así como membros do GES de Cervo e voluntarios de Protección Civil. Tras ser rescatada, persoal sanitario do 061 trasladou á ferida ao Hospital de Burela.