O PSdeG-PSOE de Foz presentará o domingo a candidatura, encabezada por Fran Cajoto, coa que concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio.
Os socialistas focegos darán a coñecer os integrantes do seu proxecto nun acto público que se celebrará na casa da cultura da capital municipal, a partir das 12.30 horas. O PSdeG-PSOE anima a toda a veciñanza que o desexe a participar no evento e coñecer a listaxe electoral.
Segundo expón o partido socialista, trátase “dunha candidatura renovada, que combina experiencia e mocidade, representativa de todos os sectores que definen a sociedade focega actual e sobradamente preparada para formar un goberno para a veciñanza de Foz”.
Asistirán ao acto o secretario xeral dos socialistas na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e as candidatas ao Congreso dos Deputados Ana Prieto e Sonsoles López.
CINCO CANDIDATOS DESVELADOS
Anunciado como candidato a finais do pasado mes de outubro, Cajoto, de 35 anos, é enxeñeiro de camiños. Foi o segundo alcaldable máis madrugador en postularse para gobernar Foz, despois de Damián Sánchez, líder da listaxe de Compromiso por Galicia (CxG).
O PP confirmou tamén ao alcalde, Javier Castiñeira, que optará á reelección, e Foz Plataforma de Futuro (FPF) renovará a confianza en Luis Alfonso Sixto.
Finalmente, o BNG anunciou recentemente a Francisco Javier Fanego como o cabeza da súa listaxe electoral para os comicios de maio.