Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana na bisbarra e Occidente de Asturias.
CERVO
O café cultural A Sacabeira, en Sargadelos, segue co seu programa de actividades. O sábado, ás 20.30 horas, haberá concerto do grupo asturiano Swing XXI.
A casa da cultura de San Cibrao acollerá o festival Mar de Voces. Será tamén o sábado, ás 19.30 horas, con entrada de balde. Participarán A Rebolaxe e Cantares de Brión, con 65 integrantes.
FOZ
Ana Cabaleiro presentará a súa novela ‘As Ramonas‘ cun coloquio na librería Bahía (venres, 20.30 horas).
Os amantes dos coches clásicos teñen unha cita en Foz. Vehículos chegados de Cantabria, Xixón, Madrid ou León participarán na concentración prevista para as 10.00 horas, na contorna da praia da Rapadoira. Posteriormente percorrerán a vila e despois farán unha ruta ata Mondoñedo. A cita renderá tributo a Eduardo Barreiros polo seu centenario.
Tamén o sábado, na basílica de San Martiño, celebrarase a décimo terceira edición do encontro de corais Vila de Foz. Na imaxe podes consultar o programa.
LUGO – TENTACLE
O Tentacle Summer Fest de Foz preséntase na capital de provincia cunha xornada festiva de 12.00 a 20.00 horas. De 12.00 a 16.00 haberá sesión vermú con polbo en La Ferretería Eventos. A partir das catro da tarde, a festa trasladarase a O Mercado Street Food. Porán a música Manuel Vilouta, Juan Soto ou FonKid, entre outros.
RIBADEO
A Festa das Cruces de Arante, recoñecida recentemente como de Interese Turístico Galego, celebrarase o domingo e mailo luns.
Na véspera, haberá unha representación da batalla da ponte a cargo de Queiman e Pousa (11.00 horas). A Roda ofrecerá clásicos da música popular galega á hora do vermú, e pola noite haberá verbena.
O luns, desde as 12.00 horas, celebrarase a bendición dos campos, a procesión, a reverencia das cruces entre as sete parroquias de Ribadeo e Trabada que participan nos festexos, e o bandeo do pendón. Despois haberá sesión vermú e xantar.
VEGADEO
A Feria de Muestras de Vegadeo cumpre esta fin de semana 56 anos en plena forma, con 130 expositores e cos ríos como tema central. Podes consultar o programa da Silvallana neste enlace.
VIVEIRO
O sábado celebrarase na Praza Maior de Viveiro, de 10.30 a 21.30 horas, o Mercado Vivemar. Postos de alimentación ou artesanía ofrecerán alimentos e obxectos, pero tamén degustacións.
Así mesmo, haberá actividades para os pequenos, como xogos populares. De 16.30 a 19.30 horas celebrarase un mercadiño infantil, no que as crianzas venderán ou intercambiarán os seus propios produtos. Pechará as actividades para os nenos un espectáculo itinerante de rúa, ‘Teatro á feira‘.
Ademais, Viveiro acollerá tamén o sábado a terceira proba da Copa de España de ciclismo adaptado e o Gran Premio San Roque.
O domingo celebrarase o Día da Acción Católica, ás 17.00 horas no consistorio. Ás 20.00 horas haberá misa en San Francisco.