Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana.
BURELA
Carmen Prado inaugura este venres (19.00 horas, casa da cultura) unha exposición de pintura, ‘Novos personaxes‘.
Tamén este venres, en sesión de 17.00 a 20.00 horas na Praza da Mariña, hai xogo de Twister en Burela, organizado pola Acia-CCA. Os participantes poden gañar vales de compra e material escolar.
CERVO
A parroquia de Rúa, en Cervo, reivindica o sábado o oficio tradicional da Malla, con paseos a cabalo, ruta de sendeirismo e sesión vermú e verbena. A recreación da antiga tarefa agrícola está prevista para as 18.30 horas.
RIBADEO
Ribadeo xa vive tamén as súas festas patronais, na honra de Santa María do Campo. Este venres, actúan Trébol e Nueva Fuerza. O sábado será a véspera da Patroa, cos Cocos e Cabezudos pola mañá (11.30 horas), Passarela e Favorita na verbena e os fogos artificiais da medianoite; o será o día grande, con Palladium e Televisión na verbena.
O BARQUEIRO
O Barqueiro, no veciño concello de Mañón, está en festas, coa Noite Meiga -que cumpre tres décadas- como principal reclamo.
O VALADOURO
As festas do Oito animan O Valadouro. O sábado sería o Día do Neno cun parque infantil desde as 16.30 horas, e pola noite actuará o grupo Los Alcántara, antes da verbena con Café Ole e Decibelios. O domingo haberá sesión vermú, espectáculo de maxia con Pedro Bugarín (20.00 horas, casa da cultura) e verbena con Fénix e Nazaret. O luns 9 celebrarase a misa dedicada a Santa María, con posterior baile a cargo de Tania Veiras.
VIVEIRO
A Cidade do Landro celebra esta fin de semana a primeira edición do festival da diversidade sexual Viveiro Con Orgullo, que inclúe actividades para nenos, concertos e unha festa das cores.
O domingo celébrase unha nova edición da Marcha ás Minas da Silvarosa, a partir das 9.30 horas, desde a Praza do Concello (9.30 horas) ata os vellos túneles.
XOVE
Ademais de Ribadeo e O Valadouro, Portocelo tamén está de festas patronais.
Podes consultar o programa na imaxe sobre estas liñas.