A concelleira de Xuventude de Foz, Gemma Méndez Leivas, vén de informar da apertura do prazo de inscrición do programa Aberto x Vacacións. O conxunto de actividades, orientados a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos para os meses de xullo e agosto, queda así aberto á preisncrición ata o 8 de xuño.
O programa inclúe unhas olimpíadas, inchables acuáticos, karaokes, contacontos, xogos tradicionais e de expresión corporal… en suma, unha longa lista de actividades coa que lograr que “cada mañá sexa diferente e divertida”. Segundo apuntan dende o Concello, as actividades desenvolveranse en dúas ubicacións e seguirase un protocolo de prevención de contaxio da Covid19 “exhaustivo”, como o realizado na edición de 2020, e ao que as nenas e nenos se adaptaron “de forma moi rápida”.
“Deberemos continuar con precaución e seguir as recomendacións das autoridades sanitarias, con limitacións de aforamentos, dalgunhas actividades,… como o fixemos na edición 2020. Pero xa sabemos que non serán impedimento para pasalo en grande”, apuntan dende a concellería.
O Concello engade que terán prioridade na preisncrición aqueles nenos e nenas cuxos proxenitores traballen. Tamén será o caso das familias monoparentais ou monomarentais na mesma situación. Por último, contarán con preferencia aqueles menores de idade empadroados no Concello de Foz.