Cociña con Estrela Michelín para o alumnado do IES de Foz

Unha ducia de alumnos de primeiro curso de Dirección de Cociña puideron comprobar as dotes de Yayo Daporta á hora de facer un menú con produtos galegos.

IES de Foz. PÁXINAS GALEGAS

O alumnado do IES de Foz puido asistir este martes 8 a unha sesión de cociña de alto nivel da man do chef de Estrela Michelín Yayo Daporta. O cociñeiro e dono do restaurante que leva o seu nome en Cambado foi o encargado de poñer o broche final á a Aula Gastronómica Galicia Calidade que este martes se desenvolveu ante unha ducia de alumnos de primeiro curso de Dirección de Cociña.

O restaurador pontevedrés elaborou un menú baseado nos principios básicos do seu facer gastronómico: o bo gusto e o sentido común que dan lugar a unha cociña tradicional, innovadora cun toque emocional e da terra. Así, o menú proposto por Yayo Daporta consistiu en fabas de Lourenzá estofadas con cocochas de merluza ao pil-pil, navallas ao natural, canelón de tartar de navalla e pil-pil de pescada de Celeiro.

Tamén elaborou este excelente peixe ao vapor acompañado de moluscos e ameixas ao natural; crema de pementos de Herbón e xarda ou xurelo mariñado e asado, espaguete mariño e pan de millo. Finalmente, Yayo Daporta propuxo unha mousse de queixo de Arzúa e marmelada de pementos de Herbón.

TRAXECTORIA

O chef cambadés, que leva 16 anos á fronte do seu restaurante aberto na rúa Hospital de Cambados, foi premiado xa cunha prestixiosa Estrela Michelín. Antes estudou na Escola de Hostalería de Santiago de Compostela e traballou máis tarde en Casa Solla, onde empezou a sentir curiosidade pola cociña de vangarda e lle chegou a verdadeira vocación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here