O alcalde de Foz, Fran Cajoto, apela á responsabilidade individual ante a suba de casos positivos en Covid-19 que está a sufrir Foz e toda a Mariña e anuncia que “para frear a cadea de contaxios, o Sergas programou un cribado masivo entre profesionais que exercen a súa actividade no noso concello de cara ao público: tendas de alimentación, transporte, hostalería, hospedaxe, comercio, voluntariado,”. Ademais, dende o concello habilitaron a conta de correo electrónico cribado@concellodefoz.es onde calquera persoa que queira participar deberá indicar nome e apelidos, DNI ou NIE, número de teléfono e o sector no que realiza a súa actividade profesional ou de voluntariado.
O rexedor municipal incide na responsabilidade individual de todos e explica que “esta pasada fin de semana realizouse un operativo conxunto de Garda Civil e Policía Local en horario nocturno tanto o venres como o sábado. O principal obxectivo foi desincentivar malas condutas para evitar contaxios. Nese sentido vamos ser inflexibles xa que o mal comportamento dalgún pode derivar nun peche de todos”.
Tamén indica que o servizo de socorrismo nas praias se está a ver alterado pola incidencia da Covid, xa que apareceron 5 casos positivos entre os profesionais. Ante isto o concello ten que reducir o número de praias con este servizo de salvamento. As que contarán con el serán Rapadoira, Llas e Pólas. Por útlimo, Fran Cajoto anima a todo aquel traballador exposto ao público a que participe no cribado.