A alcaldesa de Lugo asinaba hoxe un convenio interadministrativo de colaboración co Concello de Foz polo que a administración local cede temporalmente á mariñá unha Auto – Bomba Rural Lixeira. Un acordo polo cal, o vehículo – unha carroceta forestal – actualmente inoperativa, pasará a prestar servizo en labores de extinción e prevención de incendios no termo municipal de Foz.
Lara Méndez aproveitou a visita do rexedor Francisco Cajoto para trasladarlle a súa vontade de cooperación en todo aquelo que desde o concello veciño poidan necesitar “como mostra de responsabilidade coa que exercemos o noso labor político e no que priorizamos o aproveitamento dos recursos públicos en prol da eficacia económica dos organismos aos que representamos e do interese da cidadanía”.
Pola súa banda, Francisco Cajoto agradeceu a disposición do goberno local e a axilidade coa que se tramitou a transferencia, “unha dotación que será moi benvida e tamén de gran utilidade en Foz”, sinalou.