A CIG ten convocadas para o vindeiro domingo, día 19 de setembro, un total de 20 concentracións en cidades e vilas de toda Galiza baixo o lema “NON Á ESTAFA DA LUZ, Recuperación das Centrais Hidroeléctricas, Tarifa Eléctrica Galega”. Unha delas será en Foz ás 11:30 diante da delegación de Hacienda.
A central sindical fai un chamamento a participar nestas mobilizacións diante do imparábel medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo, tal e como denunciou o secretario xeral, Paulo Carril, diante do “nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións asequíbeis”.
A CIG fai este chamamento coa lexitimidade e autoridade das moitas propostas e iniciativas que desde a CIG levamos anos facendo, para poñer fin ao réxime de oligopolio, á mafia das empresas eléctricas, que por decisións de todos os Gobernos españois gozan dun marco regulatorio e tarifario acorde aos seus exclusivos intereses.
Especialmente lamentábel e despreciábel resulta o papel do PP e da Xunta. Máis despois das súas políticas en favor das mesmas, nomeadamente as que explotan os nosos ríos, matizou, e da súa permanente oposición a que en Galiza puideramos dar solucións como as que a CIG ten defendido e levado ao Parlamento Galego.
A este respecto compre lembrar as diferentes ILP promovidas pola central sindical nos últimos anos -que o PP no Parlamento Galego rexeitou-, como a da tarifa eléctrica galega, a da recuperación das Centrais Hidroeléctricas ou as propostas da CIG para dar solución á industria electrointensiva. Así como na recente tramitación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética e nas propostas feitas en outubro do ano pasado para “Unha saída galega xusta da crise”.