Efectivos de Emerxencias recuperaron o cadáver dunha veciña de Foz que desaparecera hai case dúas semanas. A muller tiña 69 anos de idade e padecía a enfermidade de Alzheimer. O corpo foi localizado por outro veciño do municipio nunha zona de monte situada aproximadamente a un quilómetro do punto no que se atoparon algunhas pezas da muller, un pantalón e un cueiro achados o día da súa desaparición.
Desde entón non se atoparon novos indicios e Protección Civil de Foz chegou a suspender o dispositivo de procura esta mesma semana. Segundo os datos do 112 Galicia, o cadáver foi achado no lugar da Lousada, nas proximidades da parroquia de San Xiao de Nois. Posteriormente, sobre as 18,00 horas, as forzas da orde confirmaron a identidade da vítima.
O rexedor local, Francisco Cajoto, xa daba por feito en declaracións Europa Press que todo indica que o corpo achado era, con toda probabilidade, o da desparecida, aínda que aínda faltaba a confirmación oficial por parte das autoridades. En todo caso, o alcalde quixo agradecer “a súa implicación” tanto aos veciños da localidade como aos efectivos de Garda Civil, Bombeiros, Protección Civil e Policía Local que participaron nos labores de procura, ademais de trasladar as súas condolencias aos familiares e amigos da vítima.
CASE DÚAS SEMANAS DE BUSCA
A procura comezou despois de que o 112 Galicia recibise ás 20,30 horas do domingo 3 de outubro o aviso dun familiar que pedía axuda porque a sexaxenaria marchou de casa. Tras iso, o servizo de emerxencias alertou á Garda Civil. Foi un veciño quen atopou o primeiro día nunha pista de monte a roupa e un cueiro da sexagenaria, polo que o radio de procura de rastrexo centrouse e ampliou desde esa zona.
Este luns, na novena xornada de procura, rastrexaron pistas de monte sinaladas por cazadores, entre outros puntos con resultado infrutuoso. Ademais, un helicóptero da Garda Civil sobrevoou a zona.