InicioCentralFozFoz presenta o seu primeiro Selo do Camiño do Mar na Basílica...

Foz presenta o seu primeiro Selo do Camiño do Mar na Basílica de San Martiño

O alcalde Fran Cajoto comentou que “o Camiño do Mar xa está recoñecido pola Igrexa e danos esa Compostela ao chegar a Santiago e é en Foz precisamente onde podemos facer esa acreditación, a primeira que hai en todo o Camiño do Mar".

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz presentou este venres no Centro de Interpretación da Basílica de San Martiño o primeiro punto no que xa se pode selar a credencial e acreditarse como peregrinos para facer o Camiño do Mar. Na presentación participaron o alcalde de Foz, Fran Cajoto; o concelleiro de Turismo, José María Linares; o presidente de ACIA Foz-CCA, José Carlos Paleo; e o presidente da asociación Amigos do Camiño do Mar, Manuel Vicente.

O alcalde Fran Cajoto comentou que “o Camiño do Mar xa está recoñecido pola Igrexa e danos esa Compostela ao chegar a Santiago e é en Foz precisamente onde podemos facer esa acreditación, a primeira que hai en todo o Camiño do Mar“.

Para Cajoto é un impulso moi importante que se recoñeza unha vía de peregrinación a través de Foz. Ademais esa ruta discorre por todo o norte da provincia de Lugo e da Coruña, A Mariña e Ortegal, ata unirse co Camiño Inglés.

O alcalde engadiu que “a Basílica de San Martiño, ao ser a catedral máis antiga de España, ao ser antigo hospital de peregrinos e discorrer por ela o Camiño do Mar, convértese en elemento principal e fundamental da ruta de peregrinaxe, igual que constitúe outro punto focal San Andrés de Teixido”.

Fran Cajoto indicou tamén que “desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña no Plan de Sustentabilidade Turística tamén apostamos fortemente por esta vía de peregrinación como un elemento dinamizador fundamental para o turismo da nosa comarca”.

Dentro dese plan está consignado con 2,25 millóns de euros aportados pola Secretaría de Estado de Turismo, pola Xunta de Galicia e a propia Mancomunidade, hai unha partida de máis de 230.000 euros para investir na dinamización do Camiño do Mar. “A idea principal é desestacionalizar o turismo, para impulsar que nos visiten fóra da tempada de verán e un elemento diferenciador, como é un Camiño discorrendo por toda a franxa costeira da nosa comarca, cremos que é a mellor carta de presentación”.

O concelleiro de Turismo, José María Linares, explicou que “o primeiro selo do Camiño do Mar xa está no Centro de Interpretación da Basílica de San Martiño a disposición de todos os peregrinos que percorren esta ruta xacobea e que queiran cuñar o seu pasaporte de peregrinación a Santiago para obter a Compostela. Hai tamén pasaportes á súa disposición no propio centro”.

José María Linares engadiu que “o selo é o logo do Centro de Interpretación da Basílica, deseño de Pepe Barro no ano 2018 para a apertura do propio centro. É un elemento recorrente representado na Basílica”.

Linares destacou que “este é o pistoletazo de saída para todos aqueles que queiran ter no seu pasaporte o selo do Centro de Interpretación da Basílica de Foz no seu percorrido polo Camiño do Mar cara a Santiago”.

José Carlos Paleo manifestou: “desde AciaFozCCA sumámonos á importancia que supón que Foz sexa unha parte do Camiño como punto de saída. O comercio e a hostalería participarán de forma activa na divulgación do Camiño do Mar, que servirá tamén para desestacionalizar e dar unha maior divulgación da Basílica como referencia turística e que no futuro teñamos máis posibilidades de ter un albergue”.

E o presidente da asociación Amigos do Camiño do Mar, Manuel Vicente, comentou: “felicitar y dar la enhorabuena por la iniciativa de tener sello propio al Concello de Foz, representado en las personas de Fran Cajoto y Chema Linares, por la implicación en la puesta en valor del Camino del Mar a su paso por el municipio de Foz”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...