A Audiencia Provincial de Lugo celebrará os días 1 e 2 o xuízo contra un acusado de incendiar o piso no que residía para vingarse do seu caseiro, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Fíxoo, segundo o Ministerio Fiscal, a propósito de que había máis persoas no edificio. Por estes feitos, enfróntase a doce anos de cárcere.
No seu escrito de cualificación, sinala que o home residía nunha vivenda en Foz, que alugara ao propietario do edificio que tamén vivía nel coa súa familia. En marzo do ano 2017, o propietario enviou ao procesado unha carta certificada reclamándolle o pago dunha serie de rendas debidas e apercibíndoo cun desafiuzamento en caso de falta de pagamento.
En abril, engade, “o acusado, movido polo ánimo de vinganza cara ao seu caseiro e consciente de que había máis persoas no edificio, e ademais todos eles en plantas superiores ás da súa vivenda, prendeu lume á roupa de cama da súa habitación, que se propagou rapidamente ao resto da habitación e da vivenda”.
Despois ausentouse do edificio, situándose na terraza do bar situado enfronte do inmoble, “e tomando tranquilamente unha cervexa mentres os veciños ían baixando das súas casas ao cheirar o fume e chamaban ao 112″. O acusado, engade, está diagnosticado dun trastorno adaptativo en relación co consumo abusivo de alcol, no entanto conserva íntegra a súa capacidade para distinguir os actos correctos dos incorrectos.