O alcalde de Foz valora de maneira positiva os pasos para a licitación da nova EDAR

Fran Cajoto sinalou: “trasladeille á conselleira Ethel Vázquez igual que o fixen por escrito á directora de Augas de Galicia, que o Concello de Foz debe formar parte da redacción do proxecto construtivo, de revisalo, de estudalo con Augas de Galicia, de aportar para construír a mellor EDAR posible".


O Concello de Foz valora positivamente a licitación da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Así o manifestou hoxe, mércores, o alcalde, Fran Cajoto, quen explicou que “agora comeza un período no que se presentarán as ofertas, despois vén a redacción do proxecto construtivo e máis tarde comezarán as obras”.

O rexedor municipal focense engadiu: “trasladeille á conselleira, igual que o fixen por escrito á directora de Augas de Galicia, que o Concello de Foz debe formar parte da redacción do proxecto construtivo, de revisalo, de estudalo con Augas de Galicia, de aportar para construír a mellor EDAR posible”.

Cajoto resaltou estas palabras engadindo que a estas alturas non serve calquera tecnoloxía para a nova EDAR. A ollos do acalde, o anteproxecto deixa moi aberta a solución que teñen que aportar as contratas privadas, que ademais son as que van executar a obra; “e iso preocúpanos moito”.

Mentres tanto, o rexedor lembrou que o Concello está co proceso de expropiación dos terreos, para isto pedirase á Xunta de Galicia que declare a urxencia e se poida construír esta nova EDAR na maior brevidade posible.

“Temos un problema de depuración na ría de Foz, temos un problema de vertido de augas residuais a unha zona LIC e ZEPA que temos que solucionar. Espero esa colaboración entre administracións”. Tamén quixo lembrar Cajoto que lle dera a benvida á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, porque no Concello de Foz “sempre traballamos de forma respectuosa e conxunta con todas as administracións para aportar e para buscar as mellores solucións para as veciñas e os veciños do noso concello. Non agardamos menos da Xunta de Galicia porque é sempre o noso compromiso”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here