Un veciño de Foz, acusado de violar a unha muller tras contratar os seus servizos como prostituta, asegurou que foi denunciado por non ceder ante unha “extorsión” da parella da vítima. Na vista celebrada o a Audiencia Provincial de Lugo, a fiscalía pide 15 anos de cárcere para o home, unha pena que a acusación particular eleva a 18.
En concreto, os feitos tiveron lugar en febreiro de 2019, despois de que o acusado contratase os servizos desta muller a través de Internet e despois supostamente abusase dela, unha acusación que o procesado nega e ante a que a defensa pide a libre absolución.
Segundo o Ministerio público, “desde o primeiro momento do referido servizo, o comportamento do acusado foi brusco, violento e desconsiderado, como pensando que por pagar a unha prostituta podía facer con ela o que quixese, incluso causando dano, polo que esta díxolle que marchara e que lle devolvía diñeiro”.
A iso, segundo a acusación pública, o acusado reaccionou “pegándo” á muller”, “tirándolle do pelo e arrastrándoa”, “ademais de obrigala a manter relacións sexuais a pesar da negativa dela”. Por eses feitos, a fiscalía require tamén unha indemnización 15.000 euros, cifra que a acusación particular eleva aos 28.000 euros.
O avogado acusador, Jesús Porta Galego, destacou que “foi unha agresión moi violenta”. “A muller sufriu unha malleira lacerante e para fuxir do estigma que supón a prostitución, o feito de ser violada ela non quixo denunciar senón que se destapou por mor doutras investigacións”, sinalou.
Pola súa banda, a defensa do acusado sostén que “non hai probas” dos feitos e alega que a acusación se produce logo que o seu cliente denunciase á parella da vítima por “extorsión” ao reclamarlle 66.600 euros. Ademais, sinala que, cinco días antes da denuncia, a muller acudira ao hospital de Burela, onde non se lle advertiu ningunha lesión.