O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia que as obras de urbanización da rúa Costa do Castro comezarán este mércores día 2 marzo. “Para maior seguridade durante a execución dos traballos vaise pechar temporalmente ao tráfico o tramo entre a Rúa do Pilar e o cemiterio, con acceso limitado a residentes e usuarios do taller mecánico Basanta. Agardamos que o peche sexa o mínimo tempo posible e pedímoslles desculpas a tódolos veciños e usuarios polas molestias durante a execución das obras”, indica o rexedor municipal.
As obras teñen un prazo de execución de 8 meses. “Estamos traballando co obxectivo de que o prazo se reduza o máximo posible para evitar problemas de tráfico no verán, cando o aumento de vehículos é moi importante”, explican desde o Concello.
Fran Cajoto engade que “as obras foron adxudicadas en algo máis de 500.000 euros e están cofinanciadas nun 80 por cento pola Deputación de Lugo e nun 20 por cento polo Concello de Foz. Consisten na urbanización completa da rúa Costa do Castro entre Álvaro Cunqueiro e o cemiterio, que se transformará nun vial completamente renovado, con beirarrúas de máis de 2 metros de anchura, novo alumeado público e a mellora de servizos, como a substitución da rede de abastecemento e a disposición dunha rede separativa cun novo colector de pluviais. Ademais, está previsto realizar unha reorganización de tráfico na zona e delimitar unha senda peonil específica na rúa do Cemiterio, de xeito que unha persoa poda camiñar sen dificultades e con seguridade entre a Residencia e Centro de Día de Foz e a rúa Álvaro Cunqueiro. Esta senda levará separadores de carril tipo gota para delimitar o paso peonil do tráfico rodado e, xunto a unha mellora da iluminación do vial, permitirá un acceso peonil seguro entre o barrio de Marzán e o centro de Foz, cun recorrido moito máis curto que pola Avenida de Viveiro”.
O Concello de Foz pide precaución na circulación e ante calquera incidencia se poñan en contacto coa policía local ou cos servizos xerais do Concello.