InicioCentralFozA expropiación dos terreos para a EDAR de Foz vai ao pleno...

A expropiación dos terreos para a EDAR de Foz vai ao pleno deste xoves

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “o Concello de Foz segue a cumprir coa súa parte do convenio asinado no ano 2016 coa Xunta de Galicia e está a facer os últimos trámites que lle corresponden, coa tramitación a través do órgano competente".

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz leva ao pleno da corporación municipal que se celebrará este xoves a expropiación dos terreos para construír a nova depuradora.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “o Concello de Foz segue a cumprir coa súa parte do convenio asinado no ano 2016 coa Xunta de Galicia e está a facer os últimos trámites que lle corresponden, coa tramitación a través do órgano competente, que neste caso é o pleno, da expropiación dos terreos para a nova EDAR, unha vez feita a valoración e todos os informes preceptivos dos técnicos. Os terreos que se expropian son os incluídos no anteproxecto aprobado por Augas de Galicia, estando aínda pendentes pola Xunta a adxudicación da redacción do proxecto construtivo e das obras da nova depuradora”.

Este xoves pola mañá Fran Cajoto; o primeiro tenente de alcalde, Francisco Xavier Fanego, e técnicos municipais van manter unha reunión en Augas de Galicia para tratar o estado do avance da nova EDAR e outros asuntos pendentes con Augas de gran importancia para o concello, como son a legalización da captación de Cordido -parroquia na que non se poden edificar novas vivendas despois da aprobación parcial do PXOM polo anterior equipo de goberno-, a legalización tamén da captación de Transmonte e á ampliación de caudal da captación principal do concello, que está no río Ouro. Respecto a isto último Cajoto destaca “o traballo feito desde o Concello para aumentar este caudal, que se poida desbloquear a bolsa de solo urbanizable no parque empresarial de Foz e que non se vexa afectado o futuro desenvolvemento do pobo con proxectos que poderían influír, como a central eléctrica reversible Xistral”.

O rexedor municipal engade: “somos conscientes de quen ten o coñecemento e quen é competente sobre as captacións de auga, que é Augas de Galicia. Por iso metemos estes puntos na orde do día da reunión, que se retrasou dúas semanas. Somos conscientes tamén de que Augas de Galicia xa emitiu un informe desfavorable respecto á central hidroeléctrica reversible Xistral. Fronte ás aseveracións malintencionadas do voceiro do Partido Popular, Javier Castiñeira, indicando que o Concello non facía nada, demostrouse que quen ten competencias e a responsabilidade da captación das augas é Augas de Galicia, da Xunta. O que non é aceptable en ningún caso é que o Partido Popular de Foz obvie as responsabilidades da Xunta de Galicia porque actualmente son os que están a gobernar en Santiago. Nós sempre lle vamos esixir a calquera administración, pero dentro do marco das súas competencias. Non entendemos as críticas de Castiñeira respecto á xestión de todos os trámites para a nova EDAR porque somos responsables e estamos simplemente levando a cabo os trámites de expropiación conforme ao convenio asinado. Non hai ningunha novidade pois os terreos definíanse no anteproxecto que foi aprobado hai xa un ano. O que necesitamos é información do estado de tramitación e do avance da depuradora en Augas de Galicia e daremos conta pormenorizada no pleno. Pídolle, de verdade, ao voceiro do Partido Popular que se digne a acudir a algunha das comisións de asuntos preparatorios do pleno, que se celebran sempre unha semana antes da propia sesión plenaria. Nunca acude e por tanto non ten a información pertinente. Precisamente esas comisións fanse para algo. Menospreza os órganos regulamentarios e intenta de novo enganar ás veciñas e veciños. O importante é que os plenos se celebren coa regularidade establecida, e non como nalgúns concellos do Partido Popular, como Abadín, onde se esquecen deles”.

Fran Cajoto manifestou tamén que “o que estamos a ver é que as accións de Castiñeira enmárcanse nun contexto claro: queda pouco máis dun ano para as eleccións locais e a estratexia típica do PP, que é criticar sen fundamento e sen aportar nada, sufre un acelerón claro. O que lle pido é que traballe por Foz naquilo no que poida ter influencia; por exemplo en Augas de Galicia goberna o Partido Popular e hai moitos asuntos que deixou pendentes no seu anterior mandato e que debemos resolver neste. Estamos no Entroido, pero aquí estanse a tratar asuntos moi serios”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...