Convocada unha manifestación contra a “macrocentral” hidroeléctrica no Xistral

Percorrerá este domingo O Valadouro.


A Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral convocou unha manifestación este domingo, 13 de marzo, no Valadouro contra esta infraestrutura de Atalaia Xeración que afectará a este municipio e a Alfoz.

A manifestación partirá ás 9,00 horas da parroquia de Vilacampa e marchará nun percorrido de 9 quilómetros ata a de Recaré, onde se lerá un manifesto sobre as 13,00 horas. A marcha farase a pé, dacabalo e en bicicleta. Andrés Vidal, un dos portavoces desta plataforma, denuncia que esta central hidroeléctrica só beneficará á propia empresa embarcada neste proxecto, que “vén unicamente, como fan todas as eléctricas, a sacar beneficio e deixar pobreza sobre o terreo”.

Entre outros impactos, alerta das “balsas previstas, de 20 metros de altura, que estarán a 50 metros das casas”, ademais dos “túneles que alí se van construír”. Igualmente, advertiu de que “o aproveitamento da auga vai sobre o río Ouro, pero hai máis ríos afectados como o das Balsadas ou o río Vilacampa que abastecen de auga a Ferreira do Valadouro”. Incluso este “alto nivel de afectación” estenderase ao Concello de Foz, onde tamén toman auga para a captación do río Ouro.

Sobre os postos de traballo que “prometen”, este activista do Valadouro contrapono cos “empregos que anulan aquí, como na gandaría ou outras actividades que teñen máis postos de traballo dos que prometen, e o emprego neto sería negativo“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here