O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da campaña especial Día do Pai + Día da Nai, organizada pola asociación de comerciantes ACIA Foz – CCA co obxectivo de animar aos clientes a mercar no comercio local.
Arias sinalou a importancia de incentivar as vendas nos establecementos de proximidade e salientou o apoio da Xunta ao sector, con medidas como as axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para revitalizar os centros comerciais abertos, que o ano pasado beneficiaron á ACIA de Foz cunha contía de 42.800 euros.
O delegado afirmou que o Goberno galego seguirá prestando o seu apoio a través das convocatorias previstas para este ano, que se centrarán na dixitalización e a sostibilidade dos negocios de proximidade, e que inclúen axudas ás asociacións de comerciantes pola súa importante labor de dinamización.
Tamén destacou que a Xunta, en colaboración constante co sector, deseña novas medidas para facilitar a formación permanente dos profesionais do ramo coa finalidade de adaptar o pequeno comercio ás novas tendencias de consumo.