Está o “mellor banco do mundo” en Foz?. O alcalde, Fran Cajoto, pensa que si e mesmo se atreveu a chancear, en referencia ao considerado “mellor banco do mundo”, situado no municipio de Ortigueira: “Estamos a porllo ben difícil a Loiba, xa que o banco do monte Cornería está a un nivel superior”.
Referíase o rexedor ao banco que o concello acaba de chantar na Cornería, nun fermoso miradoiro natural, “punto central dunha das fermosas rutas de sendeirismo coas que conta o municipio”. “Desde o banco do monte Cornería podemos divisar a ría de Foz e o curso final do Masma, co mar Cantábrico abrazando a vila de Foz e Vilaronte aos nosos pés”, destacou.
O rexedor avanzou que con esta actuación inaugurou a Ruta dos Miradoiros: ao de Cornería hai que sumar o da Frouseira, así como o xa anunciado no Pico do Castro -onde están situadas as letras de Foz- e que se construirá dentro das obras de urbanización que están en marcha. “Haberá máis sorpresas, que iremos descubrindo. En Foz hai paisaxes marabillosas que queremos pór en valor”, sinalou.