O Concello de Foz colocou un banco de madeira en Lousada, na parroquia de Fazouro, que é outro lugar destacado na Ruta dos Miradoiros.
O alcalde, Fran Cajoto, anuncia que “Foz continúa a sumar vistas espectaculares á Ruta dos Miradoiros que recentemente se puxo en marcha. A semana pasada anunciábamos o banco de Cornería e agora o de Lousada, no que nun día despexado podemos divisar ata Tapia de Casariego, en Asturias, non lle queda atrás. Situado no barrio de Lousada, en Fazouro, e pretiño da Capela da Concepción, destaca porque ofrece unha imaxe moi limpa de toda a zona leste do Golfo do Masma, coa praia da Pampillosa en primeiro termo. Trátase dunha atalaia privilexiada, ao estar a menos de 700 metros da costa pero a máis de 85 metros de altitude. Seguimos a traballar para poñer en valor o impresionante patrimonio natural que temos”.
O concelleiro de Turismo, Chema Linares, resalta o éxito do banco da Cornería, que está a ter unha gran afluencia de visitantes, e explica que “o banco de Lousada é de máis fácil acceso, xa que conta cun vial asfaltado ao seu carón. É outra vista excepcional que engadimos á ruta, ademais da Cornería, a fortaleza da Frouseira ou a península da Tamaniña, que puxemos en valor o pasado ano”.