ACIAFOZCCA e a Asocación Cultural Andaravía organizan a campaña do Día das Legras Galegas co lema “Celebra o Día das Letras Galegas no comercio de Foz coa asociación cultural Andaravío”. Esta campaña permitirá ver traxes rexionais galegos nos escaparates dos negocios participantes.
Javier Ben, presidente da asociación cultural Andaravío, explica que “o que imos facer é expoñer os nosos traxes. Nós somos unha asociación que divulgamos a cultura tradicional: o noso traxe, a nosa música, o noso canto, todo. Empezamos cunha exposición de traxes que imos sacar á rúa colaborando con AciaFozCCA. Os propietarios de locais de Foz van deixarnos unha parte dos seus escaparates para colocar os nosos traxes durante unha semana cultural, que será a das Letras Galegas”.
Ben lembrou que “ AciaFozcca xa o fixo varias veces cos disfraces de Entroido, cando non se podía saír á rúa, e nós estamos a preparar unha cousa parecida. Non temos medios agora mesmo porque estamos a empezar outra vez desde cero como consecuencia da pandemia. Entón hai que comezar a mover a cultura outra vez e a volver chegar á rúa e á xente”.
O presidente da asociación cultural focense Andaravío dixo que “nacemos en 2012 cun grupo de pandereteiras e pandereteiros, despois xurdiu un grupo de baile e de gaitas. Agora mesmo somos unha vintena de socios porque minguamos bastante e necesitamos volver subir o listón outra vez. Queremos que a xente vexa que estamos a facer cousas e que imos para adiante”.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, sinalou que “agradecemos a proposta de Andaravío para achegar a nosa cultura e as nosas tradicións ao noso comercio e á súa clientela. De aí que convidemos a toda a xente que merca e pasea polas nosas rúas a que fagan unha paradiña nos escaparates dos negocios participantes e gocen da beleza dos traxes rexionais galegos que van poder ver na semana das Letras Galegas”.