Tres alumnas do IES de Foz realizan prácticas en dous restaurantes de Italia grazas ao programa Erasmus+.
A vicedirectora e coordinadora de proxectos europeos do IES de Foz, a profesora Leticia Maseda, explica que “Martina e María, alumnas de FP Básica, están realizando a última parte da súa formación en centros de traballo no restaurante Le Ruggini, de Potenza, co famoso pizzaiolo Franco López, mestre de pizza en Italia”. Acompañando ás alumnas está a profesora do IES focense Asunción Dubra.
Leticia Maseda engade que “Edzana Semedo, que rematou o Ciclo Medio de Servizos, está durante un mes facendo unhas prácticas de sala no restaurante Al Becco della Civetta, en Matera, coa prestixiosa chef Maria Antonietta Santoro”.
Estas becas están encadradas dentro do programa Erasmus+, do que dispón o IES de Foz para o seu alumnado.