O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou, xunto co Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao municipio medio millón de euros para mellorar a mobilidade e a accesibilidade de varias rúas que conectan o centro urbano e os comercios coa praia da Rapadoira e a zona de hostalaría.
En concreto, a achega da Deputación representa máis do 70% do investimento necesario para sacar adiante esta actuación, á que o concello dedica 224.000 euros, polo que o importe total ascende a preto de 800.000 euros.
O acto de firma do convenio celebrouse na propia Praza de Galicia de Foz, unha das zonas nas que se vai a actuar, coa presenza da Deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, concelleiras da Corporación municipal e o técnico encargado do proxecto.
José Tomé subliñou que esta actuación “marcará un antes e un despois na mobilidade e na accesibilidade” da vila focense, xa que “fará máis fáciles, máis cómodos e máis accesibles os desprazamentos desde o centro de Foz e a zona comercial ata a zona da praia e da hostalaría, seguindo o disposto no Plan de Mobilidade que ten o Concello para o centro urbano”.
O presidente enmarcou esta iniciativa na “cooperación, intensa e continua”, que a Deputación mantén con Foz para que “poida ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños”, apuntando que esta colaboración “se traduciu nun investimento que supera o tres millóns de euros” no que vai de mandato.
O proxecto para mellorar a accesibilidade no centro urbano de Foz que cofinancia a Deputación afectará as rúas Eduardo Pondal, Salvador de Madariaga, Irmandiños, Curros Enríquez e á Praza de Galicia. Contempla a construción de beirarrúas anchas, de dous metros, e a conversión das vías de dobre sentido a unha de sentido único en dirección á zona de praia, cunha calzada compartida entre vehículos e bicicletas e con pasos de peóns elevados para acougar o tráfico. Na Praza de Galicia está previsto deixar unha plataforma única delimitada só para residentes.
A mellora deste eixo urbano permitirá constituír un camiño peonil seguro para todos aqueles que se despracen entre o centro da vila e a zona da Rapadoira. Está prevista tamén a construción dunha nova rede de colectores de saneamento por calzada mediante a separación de residuais e pluviais e a reposición do abastecemento, renovando as tubaxes.
Do mesmo xeito, tamén se reporá a iluminación pública coa substitución das luminarias existentes por outras de baixo consumo e colocaranse elementos para humanizar a zona, como árbores, bancos e papeleiras, así como pantallas para cubrir os colectores de lixo.
COÑECE A TÚA PROVINCIA
Por outra banda, seis entidades lucenses participan, desde este martes e ata o xoves, no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Esta semana serán colectivos de Lugo, Pantón, O Páramo e Vilalba os que viaxen gratuitamente grazas a esta iniciativa impulsada pola institución provincial para dar a coñecer o patrimonio natural e cultural dos diferentes concellos e dinamizar así a actividade do turismo, a hostalaría e o comercio.
Os percorridos levarán a un total de 120 veciños durante este tres días aos concellos de Sober, Barreiros, Ribadeo, Cervo, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.