Foz organiza as II Xornadas San Martiño no Camiño con actos no Centro de Interpretación da basílica

Esta actividade foi presentada polo concelleiro focego de Turismo, Chema Linares, quen comentou: “Trátase de realizar charlas, conferencias ou ben outras actividades entorno a esta temática do románico".

San Martiño de Mondoñedo. TURISMO DE FOZ

O Concello de Foz organiza a segunda edición das xornadas San Martiño no Camiño, que inclúen dúas charlas na sala multiusos do Centro de Interpretación da Basílica. Serán os venres 30 deste mes e 7 de outubro ás 20 horas e correrán a cargo das profesoras da Universidade de Santiago de Compostela Carolina Casal Chico e María Dolores Barral Rivadulla.

Esta actividade foi presentada polo concelleiro focego de Turismo, Chema Linares, quen comentou: “que mellor escenario que unha xoia do románico para continuar cunha iniciativa que xa empezaramos o ano pasado. Trátase de realizar charlas, conferencias ou ben outras actividades entorno a esta temática do románico”. Linares engadiu tamén que “dous obxectivos impulsan esta iniciativa: por unha parte, o coñecemento á par que promocionamos a nosa Basílica; e impulsar o Camiño do Mar, hoxe recoñecido pola Igrexa”.

Carolina Casal Chico é licenciada en Historia da Arte é Museóloga, Xestora cultural, investigadora e docente. Actualmente é docente externa na Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo, nos Cursos ensinanza regrada: IV Ciclo Universitario. Profesora nas materias de Historia da Arte e Iconografía, seminarios monográficos e o proxecto Camiños de Coñecemento e Experiencia provincia de Lugo e Ourense.

Carolina Casal falará en San Martiño acerca dos ciclos pictóricos no Camiño do Mar, a serie de representacións que lidas xuntas dan un contexto á unha obra concreta. Moitos templos no Camiño do Mar teñen representación pictórica no seu interior, con temáticas relixiosas e nalgúns casos incluso marítimas.

María Dolores Barral Rivadulla é profesora titular de Historia da Arte Antiga e Medieval no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Pertence ao grupo de investigación GI-1907. Iacobus. Formou parte do equipo de traballo que desenvolve o plan director do castro de Elviña (2001) e tamén do equipo Crecente Asociados como colaborada no proxecto Informe preliminar y Plan director de Santa Catalina de Montefaro (2008).

En Foz Dolores Barral falará da diocese mindoniense no Medievo o día 7 de outubro na sala multiusos do Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo. Dentro desta conferencia tratarase de facer unha viaxe a vista de paxaro sobre as principais manifestacións artísticas vinculadas á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here