O Concello de Foz presentará este martes, 27 de setembro, o proxecto de arquivo dixital dos fondos históricos documentais dixitalizados previamente polo propio Concello. O acto celebrarase ás 12.00 da mañá no salón de actos da Casa da Cultura focega e estará aberto ao público ata completar aforo.
Este arquivo é un escaparate virtual orientado á posta en valor do patrimonio material e inmaterial do Concello de Foz, que ofrecerá de forma rápida e estructurada unha gran cantidade de información na rede, permitindo localizala de xeito intuitivo e axilizar a localización de datos na páxina web https://arquivoconcellodefoz.com/.
Con esta web póñense a disposición do público multitude de imaxes, vídeos e outro material de diversa orixe e tipoloxía, que permitirán entender e coñecer a evolución e a tradición da historia mariñeira en Foz.
O arquivo dixital do Concello de Foz insírese dentro dun proxecto máis amplo do Concello de Foz para a posta en valor dos seus fondos documentais históricos. Esta acción contou cun orzamento de 16.431,80 euros, financiado integramente polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, con cargo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca que xestiona a Consellería do Mar.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pon en valor un proxecto que nos permitirá conservar “un patrimonio que corría risco de desaparecer. Teño que agradecer ao GALP -e especialmente ao seu presidente, Javier Martínez, e á xerente, Verónica Díaz- a comprensión e a sensibilidade cunha acción que financian integramente. E por suposto a todos os colaboradores, que aportaron multitude de vídeos e fotografías que dende mañá xa poderemos consultar comodamente desde as nosas vivendas. Levan moitos anos de forma desinteresada recompilando a historia de Foz a través da imaxe e sumáronse a un proxecto que é común, de todo un pobo”.
A concelleira de Cultura, Inés López, quere tamén agradecer o traballo e esforzo da arquiveira municipal e anunciar que non é un proxecto rematado senón que continúa para facerse máis grande: “queremos que todo o mundo achegue as súas fotografías e vídeos antigos, para poñer en valor a historia do noso Concello e que se estenda máis alá do noso gran pasado mariñeiro. En vindeiras datas -pendentes de concretar- e en colaboración coas asociacións de veciños imos achegarnos a todas as parroquias para dixitalizar fotografías cun ordenador e un escáner portátil. Este é un proxecto de todas e todos, do que nos sentimos ben orgullosos”.