Foz inaugurará as primeiras pistas de petanca da Mariña este vindeiro domingo

A construción das primeiras pistas de petanca da Mariña enmárcase nun proxecto máis amplo do Concello de Foz que “pretende converter o municipio nun lugar amable, cómodo para vivir e con actividades durante todo o ano para os maiores" sinala o alcalde, Fran Cajoto.


O Concello de Foz inaugurará este domingo, 2 de outubro, as primeiras pistas de petanca da Mariña. Son de dimensións regulamentarias (15 por 4 metros) e están situadas no parque de Uxío Novoneyra, remodelado recentemente.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, convida “a todos aqueles que teñan curiosidade polo xogo da petanca a achegarse este domingo ao parque, que está situado, para quen non coñeza a zona, na parte de atrás do supermercado Alimerka. Para a inauguración contamos coa colaboración do Club de Petanca de Ribadeo: varios dos seus membros van acudir este domingo para darnos unhas explicacións e ensinarnos a xogar. Quero agradecerlle ao presidente, ao secretario e a Alfonsina e o seu marido a implicación con este proxecto. Sorprendeunos moito a cantidade de xente de Foz que contactou con nós porque xa xogara á petanca noutras vilas e cidades; incluso están falando para constituír un club no noso concello”.

A construción das primeiras pistas de petanca da Mariña enmárcase nun proxecto máis amplo do Concello de Foz que “pretende converter o municipio nun lugar amable, cómodo para vivir e con actividades durante todo o ano para os maiores. As pistas de petanca son para todas as idades, pero este xogo é idóneo para manter a actividade física en persoas que cumpriran xa certa idade. Estamos a ultimar as obras tamén do Bar dos Xubilados, co obxectivo claro de fomentar a sociabilidade e os puntos de encontro entre os nosos maiores, e retomamos tamén no mes de setembro o Baile dos Domingos na Sala Bahía, aínda que se vai ver interrompido temporalmente polas obras de mellora da sala”, indica o alcalde.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here