O Concello de Foz realizou dúas reunións da Xunta de Goberno Local para conceder licencias para a construción dunha nave para a venda e reparación de maquinaria forestal, anexa ao Parque Empresarial de Fazouro, e a para un novo hotel nunha edificación xa existente preto do peirao de Foz
O alcalde, Fran Cajoto, indica que “o Concello de Foz concedeu licencias para a construción dunha nova nave para a reparación de maquinaria forestal de máis de 550.000 euros de orzamento de execución material e preto de 2.500 metros cadrados de superficie edificada e para un novo hotel nun edificio existente na rúa Asteleiros. A nave estará ubicada na Granda, anexa ao parque empresarial ao suroeste do polígono de Fazouro e contará cunha nave principal de 81×20 metros e unhas oficinas anexas de 162 metros cadrados de superficie”.
O concelleiro de Turismo, Chema Linares, destaca as consecuencias positivas dun novo hotel: “Foz conta con vivendas de uso turístico, pero quizais andabamos escasos de prazas hoteleiras, que ademais se relacionan cun turismo de maior calidade”.
O alcalde resalta o potencial industrial de Foz e de toda a comarca da Mariña: “industria forestal e turismo son dous piares que están en auxe e que se demostran con estas dúas iniciativas de capital privado”. Alcalde e concelleiro de Turismo desexan a maior das sortes a estas dúas iniciativas e animan a sectores públicos e privados a investir en Foz.