Foz organizará unha concentración para conmemorar o 25N despois da Ruta da Reflexión dos Bancos Violetas

A concelleira focega Ana Rojo explica que “este ano o Concello de Foz, a través da área de Muller e Igualdade, conmemora o 25N (Día internacional contra a violencia de xénero) cunha serie de actos que comezou cunha andaina organizada pola asociación de camiñantes de Barreiros, coa colaboración de Mulleres en Igualdade da provincia de Lugo".

Ana Rojo. AXM

O Concello de Foz organiza unha concentración este venres, día 25, Dia Internacional contra a Violencia de Xénero, con lectura dun manifesto e tamén de textos por parte do alumnado do IES de Foz contra a violencia de xénero e na defensa dos dereitos das mulleres de todo o mundo.

A concelleira focega Ana Rojo explica que “este ano o Concello de Foz, a través da área de Muller e Igualdade, conmemora o 25N (Día internacional contra a violencia de xénero) cunha serie de actos que comezou cunha andaina organizada pola asociación de camiñantes de Barreiros, coa colaboración de Mulleres en Igualdade da provincia de Lugo, xunto coa asociación Os Sendeiros de Foz, onde recollemos o testigo como símbolo da loita contra a violencia de xénero e a repulsa de todo o pobo de Foz. Ano tras ano este testigo irase pasando entre todos os concellos participantes para crear a ruta da reflexión de banco a banco; os bancos violetas unidos por unha mesma causa: o rexeite de toda violencia cara á muller”.

Ana Rojo engade que “unha vez máis colabora coa Delegación de Muller e Igualdade o alumnado do IES de Foz, nenas e nenos de 1º a 4º da ESO, coa temática relacionada coa violencia de xénero. Como resultado destes traballos lograron plasmar nun mural as violencias que se dan sobre as mulleres de todo o mundo e alzar a voz na defensa dos seus dereitos. Dito mural estará exposto ao público en xeral diante da Casa do Concello, sumándose así ós actos de conmemoración do 25N. Inclúese dentro destes actos un taller para nais e pais, que se impartiu este luns na Casa da Cultura. A temática: a sexualidade na infancia e na adolescencia e perigos nas redes, impartido pola poñente Raquel Graña. Foi organizado pola Anpa do IES en colaboración co Concello de Foz”.

Ademais a concelleira de Muller e Igualdade anuncia que este venres, 25N, terá lugar a inauguración dun banco violeta “para a reflexión e rexeite da violencia de xénero, símbolo da unión de toda a cidadanía na loita contra o maltrato e a violencia machista. A continuación haberá unha concentración na Praza do Concello as 17:30 horas, con lectura do manifesto contra a violencia de xénero. Participarán con nós alumnas e alumnos do IES de Foz, que procederán ás lecturas dos textos que forman parte do traballo que desenvolveron de cara ó 25N. No mesmo acto, recordando ás mulleres asasinadas e ós seus fillos, procederase á colocación dun panel en negro onde figurarán os seus nomes, en sinal de respecto e homenaxe póstumo as vítimas. Ó remate gardarase un minuto de silencio polas vítimas”.

Ana Rojo tamén dá a coñecer que “nestes días o Concello inaugurará un segundo banco violeta para crear espazos de reflexión e visibilizar no mobiliario urbano o rexeite da violencia de xénero, na procura do respecto e da igualdade en todo o pobo de Foz. E dentro destes actos os días 12 e 14 de decembro impartirase un curso de autodefensa persoal para mulleres, ensinando técnicas para zafarse ante situacións violentas. As interesadas poden contactar co departamento municipal de Servizos Socias no teléfono 982.13.35.66”.

Para rematar Ana Rojo agradece “ós alumnos e alumnas, profesorado e á Anpa do IES de Foz a súa implicación e colaboración co Concello; a Mulleres en Igualdade e aos Sendeiros de Foz por participar e acompañarme na andaina e na recollida do testigo, que estará depositado no noso concello ata a entrega o ano que ven ó seguinte concello participante na ruta dos bancos violetas. Foz toma partido e di non ó maltrato e si o respecto e á igualdade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here