InicioCentralFozO alcalde de Foz reclama unha reunión urxente con Política Social para...

O alcalde de Foz reclama unha reunión urxente con Política Social para demandar a entrega da residencia de maiores ao Concello

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, admite sentirse “frustrado e indignado” coa Xunta de Galicia e cun Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que “a pesar de estar integrado tamén polos concellos ningunea aos municipios e segue unicamente as directrices de Santiago".

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, solicita unha reunión urxente á conselleira de Política Social e presidenta do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Fabiola Martínez, para demandar a entrega da propiedade da residencia de maiores focega ao Concello ante “o abandono de responsabilidades por parte da Xunta de Galicia”.

O rexedor municipal de Foz explica que “a Xunta desenténdese descaradamente dunha residencia da que é propietaria. A conselleira leva a Foz a un calexón sen saída: o convenio asinado finaliza en xaneiro e a Xunta non quere xestionar o seu propio edificio pero tampouco dá solucións. Voulle demandar de forma clara e rotunda á conselleira que nos entregue a propiedade do edificio: se a Xunta non asume as súas propias competencias que nos deixe a nós facelo, pero con todas as da lei”.

O alcalde de Foz admite sentirse “frustrado e indignado” coa Xunta de Galicia e cun Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que “a pesar de estar integrado tamén polos concellos ningunea aos municipios e segue unicamente as directrices de Santiago. Abrímoslle as portas á conselleira. Visitou a residencia, xestionada polo Concello, en dúas ocasións. Demandeille reiteradamente unha ampliación das prazas da residencia, un novo edificio porque só dispoñemos de 40 camas e hai 130 maiores en lista de agarda. Non resolveu nada e agora tampouco quere xestionala finalizado o convenio cando é a súa obriga, a súa responsabilidade”.

Fran Cajoto engade que “o 1 de decembro do 2020, ás 7.57 horas e con número de rexistro en destino 2020/2339, o Consorcio recibiu a notificación do acordo plenario do 26 de novembro dese ano. Un acordo plenario aprobado por unanimidade, cos votos favorables do Partido Popular, no que se lle recordaba ao Consorcio que a partir do ano 2023 debían xestionar a residencia de Foz, xa que vencía o convenio asinado no 2018. Non fixeron absolutamente nada e seguen sen facelo. Isto quedará na conciencia de cadaquén. Espero que non poñan máis escusas. Se non van colaborar coas veciñas e veciños de Foz, se non interesamos, se non queren xestionar, que se aparten e nos entreguen a propiedade do edificio, o que se coñece como mutación demanial subxectiva. Farémolo nós, con menos recursos e máis esforzo, pero cun compromiso claro e evidente de servizo público”.

O alcalde recoñece que “a primeira opción foi sempre que a residencia volvese ao seu lexítimo propietario, o Consorcio, o que suporía unha residencia verdadeiramente social, cun custe menor para os usuarios residentes, de só unicamente o 80 por cento da súa pensión. Pero, ante a absoluta falta de responsabilidade da Xunta de Galicia, o Concello demanda a titularidade do edificio, para poder facer a mellor xestión posible: ademais da reunión solicitada imos levar a pleno a demanda ao Consorcio Galego da transmisión da titularidade do edificio da residencia. Esperemos que a actitude do Partido Popular de Foz cambie e apoie a proposta da Alcaldía, que axude en algo a este concello, precisamente coa administración na que deberían ter capacidade de influencia”.

O rexedor municipal de Foz quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade aos usuarios e traballadores da residencia: “os traballadores teñen e terán sempre dereito de subrogación. Os usuarios van a continuar na residencia, que é o seu fogar. Esperemos que a Xunta resolva rápido e non xere máis incerteza nunha concesionaria que vai a continuar a prestar o servizo cun contrato xa esgotado. Traballadores e residentes non merecen isto.

O alcalde de Foz conclúe: “somos e seremos responsables, agardamos que a reunión solicitada se celebre de forma urxente e que se desbloquee unha situación inverosímil: o abandono da Xunta dun servizo propio nun edificio que ademais é da súa propiedade”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...