O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o delegado Territorial da Xunta, Javier Arias, visitaron hoxe, venres, a pista multideporte construída no CEIP O Cantel, coa presenza da directora do centro, Adela Seijo, os concelleiros de goberno municipal Ana Rojo e Javier Fraga, a xefa Territorial de Educación, María José Gómez, e outros membros da corporación focega.
O Concello de Foz construíu as pistas con cargo a fondos propios -33.400 euros- e a unha subvención outorgada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de 62.500 euros. En palabras do alcalde “as obras están completamente rematadas, á falta do pintado da pista por causa das choivas e do mal tempo. Son unhas pistas funcionais, que contan cunha superficie de xogo de 30 por 15 metros e que permiten a práctica do fútbol sala, baloncesto, tenis, voleibol ou bádminton. Todos os elementos son antivandálicos e conta cunha boa iluminación conformada por 6 torres con tecnoloxía led, que só permanece acendida cando hai alguén xogando grazas a unhas células fotoeléctricas con detección de movemento”.
O rexedor municipal destaca o aproveitamento dos fondos públicos: “a pista ten un dobre uso: durante as clases será utilizada polo colexio e fóra do horario lectivo poderán ser empregadas por calquera veciña ou veciño que accederá a través da porta aberta na rúa Pintor Laxeiro. A verdade é que estamos moi satisfeitos co resultado e coa versatilidade das instalacións, que conseguimos grazas a un peche adicional de 3 metros de altura que as fai independentes do patio do colexio. Teño que agradecer a boa coordinación e a paciencia da directora e de todos os membros do centro durante a execución das obras. Non é fácil, pero agora toca desfrutala”.
Fóra da visita institucional, o alcalde aproveitou a reunión para tratar outras eivas do centro e entregoulle ao delegado territorial da Xunta a carta remitida á conselleira de Política Social, Fabiola Martínez, en relación á residencia e centro de día de Foz: “pedímoslle ao delegado territorial da Xunta que nos facilite que a reunión se celebre nos próximos días. Estamos a tentar solucionar unha situación de bloqueo provocada polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, pola Xunta de Galicia, que non quere xestionar unha residencia que é da súa propiedade. Quedou en trasladarllo, agardemos que a administración autonómica polo menos nos chame e cumpra minimamente con Foz, que pense algo na xente”, manifestou Fran Cajoto.