InicioCentralLourenzáLourenzá será a sede da sesión extraordinaria da RAG no Día das...

Lourenzá será a sede da sesión extraordinaria da RAG no Día das Letras Galegas

Esta edición das Letras Galegas 2023 deixan ademais a publicación de dous textos inéditos do autor, o seu 'Diario da guerra' e 'Memorias do París literario'.

Publicada o

- Advertisement -

O pobo natal de Francisco Fernández del Riego, Lourenzá, é o lugar escollido pola Real Academia Galega (RAG) para celebrar a sesión extraordinaria e pública da entidade con motivo do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Segundo explican nun comunicado, a sesión desenvolverase a partir das 12,30 horas no centro de usos múltiples de Ponte e Cuñas e contará coas intervencións académicas de Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Ferros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus discursos distintos aspectos sobre a figura e a obra do homenaxeado.

Tamén haberá música, este ano a cargo do cuarteto Souto Xímaro (Lourenzá) e do coro Mestre Pacheco (Mondoñedo). O pleno, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, poderá seguirse tamén en directo desde academia.gal.

Así, Alonso Montero profundará na súa intervención nun episodio que ilustra “o importante papel que Fernández del Riego exerceu como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior”. Díaz-Fierros, pola súa banda, centrarase no devir da paisaxe na obra do homenaxeado e Ledo Andión abordará a relación que Don Paco, prolífico articulista desde os anos 30, mantivo cos medios de comunicación, “consciente da importancia da prensa como esfera pública”. Pechará o acto o presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes.

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

A RAG dedícalle o Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego este 2023, ano no que se cumpren 110 anos do seu nacemento e o 60º aniversario desta conmemoración, unha idea impulsada polo propio Del Riego.

A obra escrita de Fernández del Riego tocou case todos os xéneros, comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora.

Participou tamén en numerosos libros, propios ou colectivos, moitos deles asinados cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. En ensaio, destacan, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia da literatura Galega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Dicionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).

A literatura de viaxes é outro xénero cultivado polo homenaxeado, tales como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004).

Escribiu tamén monografías sobre diversos autores da cultura galega, como A xeración Galaxia (Vigo, 1996), O señor da Casa Grande de Cima de Vila (Ourense, 1988), Antolín Faraldo, ou gran soñador (Vigo, 1998), Con Pondal en Bergantiños (Sada, 2001) ou O Pai Sarmiento e Galicia (Vigo, 2002), e a novela O cego de Pumardedón (Vigo, 1992).

Así mesmo, Del Riego deixou publicados en vida dous libros de memorias, O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003), ambos os reeditados este ano xunto a outros títulos da súa pluma. Esta edición das Letras Galegas 2023 deixan ademais a publicación de dous textos inéditos do autor, o seu ‘Diario da guerra’ e ‘Memorias do París literario’.

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN SOBRE FERNÁNDEZ DEL RIEGO

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron este mércores na inauguración da exposición ‘Francisco Fernández del Riego. Cos ollos de espírito’. Impulsada pola Xunta de Galicia e producida pola Editorial Galaxia coa colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega, o seu obxectivo é dar a coñecer a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2023.

A Xunta trasladou nun comunicado “o seu compromiso” coa celebración dunha data sinalada para “celebrar a lingua galega”, así como persoas que “tanto fixeron por ela”. Ademais, lembraron que Fernández del Riego é “un dos promotores das Letras Galegas, ademais de co-fundador da Editorial Galaxia, da revista Graal e director da Fundación Penzol”.

Esta exposición enmárcase na programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas e entidades impulsan para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.

Así mesmo, no Museo de Arte Sacra de Lourenzá, que acollerá a exposición durante os próximos meses, tamén participaron a comisaria da exposición, Malós Cabrera; o conselleiro da Editorial Galaxia e director dá Fundación Penzol, Xosé Soutullo; ou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...