InicioCentralLourenzáO pleno extraordinario da Real Academia Galega celebrouse en Lourenzá, localidade natal...

O pleno extraordinario da Real Academia Galega celebrouse en Lourenzá, localidade natal de Fernández del Riego

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG: "As Letras Galegas deste ano recoñecen na persoa de Francisco Fernández del Riego a resistencia non menos heroica dos que aquí quedaron".

Publicada o

- Advertisement -

A Real Academia Galega celebrou este mediodía o pleno extraordinario co gallo do Día das Letras Galegas en Lourenzá, localidade natal do seu protagonista, Francisco Fernández del Riego (1913-2010). Figura central da cultura galega do século XX, don Paco foi luz nas tebras do franquismo, alegría de vivir e pensamento útil, persoa na que coincidiron ideario e acción e incomparable obreiro da cultura galega. Con palabras coma estas, Margarita Ledo Andión, Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Xesús Alonso Montero foron trazando nas tres alocucións académicas o retrato de quen foi tamén membro dunha xeración que “gañou o futuro para todos nós”, concluíu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

A Real Academia Galega rendeulle homenaxe en 2022 ao exilio galeguista en México a través do poeta e activista valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Desta volta, as Letras Galegas recoñecen na persoa de Del Riego “a resistencia non menos heroica dos que aquí quedaron, os heroes calados, en palabras de Luís Seoane”, afirmou Víctor F. Freixanes. “Non é certo que perdesen, malia a traxedia que tiveron que padecer. Co seu exemplo e coa seu traballo gañaron un futuro para todos nós. É algo que nunca esqueceremos e que nunca llelo agradeceremos abondo”, rematou.

A sesión arrincou co discurso de Margarita Ledo Andión, Del Riego: joie de vivre e pensamento útil, que afonda na consideración que o homenaxeado soubo darlles aos medios de comunicación como esfera pública precisa para “facer que as palabras se tornen acontecemento”. “O deber da presenza na prensa para que con cada texto medre a aposta por un país en andamento foi tarefa que norteu de ben cedo a paixón de Del Riego e a dunha xeración metida a xornalista que trouxo a subxectividade, a implicación persoal, para o modo de pensar a comunitas”, analizou a académica.

Ideario e acción coinciden na figura de quen, como os lucciole, os vagalumes da fosa oitava do oitavo inferno da Divina comedia, foi quen de “refulxir e fender as tebras” da ditadura, comparou: “Paco del Riego é ese lucciole, ese verme de luz que persiste en facer chegar o sinal na escuridade total, que actúa para perder o medo abisal que anula o recordo, que sabe sobordar a dor que encobre o sufrimento, que nunca se vai sentir vencido e que quere partillar esa posibilidade sandadora“.

Del Riego escribiu máis de 4000 entregas de opinión, crónicas, conversas e comentarios dende os primeiros anos 30, cando era só un estudante de Dereito, ata o seu pasamento. Nos milleiros de páxinas que deixou na prensa destacan certos trazos como o deber da memoria, o afán de describir para facer existir, a elaboración de retratos aos que se lles apón a función de encarnar modelos que imitar, a exhibición das fontes ou a erudición, debullou a académica.

O reencontro semiclandestino con Seoane trece anos despois de seren separados

Tras a guerra, o intelectual volveu escribir artigos en galego nas páxinas de La Noche e iniciou un novo tempo de múltiples colaboracións. Entre 1947 e 1956 foi o coordinador local do Galician Programme, no que foi tamén o autor de guións máis prolífico, e foi colaborador de numerosas cabeceiras tanto da Galicia como da diáspora, dende Vieiros (México) ata a Galicia emigrante (Buenos Aires), esta última dirixida por Luís Seoane, antigo compañeiro dos anos universitarios en Santiago de Compostela. A amizade entre ambos, un membro destacado do exilio interior e outro do exterior, foi evocada por Xesús Alonso Montero nunha alocución na que rememorou o seu breve “encontro semiclandestino”, trece anos despois de seren separados pola sublevación militar e tres despois de retomaren o contacto por carta. Aconteceu cando o barco no que viaxaba o artista instalado na Arxentina fixo escala en Vigo. Seoane viña de pasar un tempo en Francia e Inglaterra, onde exhibira con certo éxito os seus cadros.

O pintor e a súa dona, Maruxa Fernández López, viaxaban a bordo do Highland Princess en terceira, o que non lles permitía baixar do barco. Pero todo fai supoñer que o avogado vigués Valentín Paz-Andrade, ben relacionado co universo empresarial marítimo e director da revista Industrias pesqueras -para a que Del Riego traballaba-, puido mediar para que pisasen chan galego “durante tres horas, quizais unha miguiña escasas”. A parella foi recibida no peirao por Darío e Emilio Álvarez Blázquez, Celso Collazo Lema, Laxeiro, Carlos Maside, Valentín Paz-Andrade e o propio don Paco. Todos xuntos foron xantar á taberna do Eligio, non sen antes facer dúas paradas no estudio de Carlos Maside e nunha rúa próxima, onde Laxeiro lles amosou os seus últimos cadros. “Luís Seoane e Del Riego ían diante, capitáns que non paraban de preguntárense polos amigos mortos, polos compañeiros fusilados ou paseados e por un enfermo ilustre e venerado, por Castelao, daquela xa á beira do pasamento”, recreou Alonso Montero.

No momento da despedida, Del Riego, “o máis emocionado sen dúbida”, foi autorizado a subir ao barco. “Sabemos, por crónica oral totalmente fiable, que cando desatracaba o barco tivo que baixar por unha escada de corda, montar nunha lancha e chegar nela ao peirao, onde os seis amigos o agardaban desacougados”, narrou o académico. De regreso na Arxentina, Seoane confesaríalle ao vello amigo o moito que significou para el e Maruxa aquel reencontro: “Me hizo bien y mucho daño haber pasado por Vigo”. Tres anos despois, en 1952, Seoane publicaba en Buenos Aires o seu primeiro libro de poemas, Fardel de eisilado, con contén un poema titulado “Dende o Highland Princess”. “Nel, referíndose aos amigos, estampou este verso: Sumidos en espesas, mouras tebras”, concluíu Alonso Montero.

O devir da paisaxe na mirada de Del Riego

Francisco Díaz-Fierros Viqueira pechou a quenda de alocucións académicas cunha intervención sobre o devir da paisaxe en Del Riego, cara á que o autor demostrou, ao seu xuízo, unha “singular sensibilidade”, con notables referencias a dous espazos vitais fundamentais na súa vida: Lourenzá, a vila natal á que lle dedicou en 2004 o libro homónimo; e a cidade que o acolleu en outono de 1939, retratada en Vigo sentimental (2001).

A mirada de Fernández del Riego á paisaxe emerxe dende o seu primeiro libro, Cos ollos no esprito (1949), obra editada en Buenos Aires composta por varios ensaios. Este traballo auroral seu sobre o tema, considerou o académico, pode ter como mínimo dúas lecturas: unha referente á recuperación do xénero descritivo como forma fundamental e máis acaída para falar da paisaxe, e unha segunda que nos mergulla “de cheo na eterna polémica das interaccións entre o ser humano e o seu contorno natural”.

“Fernández del Riego, diante das posibilidades que ofrecen as terras do país, opta por unha solución antrópica, segundo as súas expresivas verbas: “Toda Galicia, tan varia, tan suxestiva, podería transformar as súas belezas naturais en riqueza, en potencialidade, en benestar dos seus. Este pensamento é compartido na época por compañeiros galeguistas, como o Valentín Paz-Andrade de Galicia como tarea (1959) ou o Xaime Isla das páxinas da Revista de Economía de Galicia (1958-1964), da que era o seu director”, contextualiza.

Entre outras contribucións neste eido, Díaz-Fierros referiuse tamén á plasmada no libro colectivo Paisaxe e cultura (1955), “no que se tentaba presentar o tema da paisaxe como un dos elementos fundamentais que influían e conformaban a nosa cultura particular”; ou n’O feito diferencial galego (2000), outra obra coral na que se aprecia unha evolución do seu concepto de paisaxe que o académico interpreta como influenciada pola lectura de “Abrente e solpor da paisaxe” (1958), de Celestino Fernández de la Vega. “A paisaxe non sería agora algo autónomo, exterior ao ser humano, senón máis ben un produto da mirada na que, á súa vez, estarían reflectidos todos os intereses e valores que caracterizaban o seu sentir máis íntimo. Deste xeito, para un anaco de natureza determinado, poderían existir diferentes paisaxes segundo o diversas que fosen as miradas”, explicou. Seguro que sen sospeitalo, Del Riego expresaba así ideas semellantes ás que se aprobarían ese mesmo ano en Florencia no marco do Convenio Europeo da Paisaxe, apuntou Díaz-Fierros.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...