InicioCentralLourenzáRocío López asume a alcaldía de Lourenzá por terceira vez consecutiva

Rocío López asume a alcaldía de Lourenzá por terceira vez consecutiva

Rocío López comentou: “cúmprense oito anos dende que sentei por primeira vez nesta cadeira; aló polo 2015 os cidadáns de Lourenzá decidistes darme a encomenda de dirixir e representar este concello".

Publicada o

- Advertisement -

No pleno da corporación municipal de Lourenzá celebrado na tarde de hoxe, sábado, foi investida alcaldesa Rocío López García por terceiro manda consecutivo.

No seu discurso de investidura Rocío López comentou: “cúmprense oito anos dende que sentei por primeira vez nesta cadeira; aló polo 2015 os cidadáns de Lourenzá nun exercicio libre e democrático decidistes darme a encomenda de dirixir e representar este concello. Aquel día sentada aquí mesmo comprometinme con vós e asumín aquela tarefa con grande ilusión e responsabilidade, co compromiso de cumprir e executar aquel proxecto socialista co que nos presentamos. Hoxe, 8 anos despois e logo de dúas maiorías absolutas, a vontade dos cidadáns de Lourenzá, expresada nas urnas o pasado 28 de maio de xeito libre e democrático, ratificou novamente a confianza en min e no meu equipo. Teño que darvos as grazas por esa confianza depositada en min e no meu equipo, por ese grande apoio que mais aló da maioría absoluta nos deu un resultado histórico para o partido socialista de Lourenzá; grazas infinitas por esa ampla maioría que nos outorgastes nas urnas. Este resultado pon de manifesto a aprobación e a satisfacción dun traballo ben feito, de saber que estamos traballando no bo camiño, na senda que as veciñas e veciños de Lourenzá queredes para o futuro deste pobo. Estouvos moi agradecida e tamén moi contenta porque sei que cada vez somos máis os laurentinos que queremos e entendemos este modelo de goberno porque este proxecto é un proxecto das persoas, é un proxecto de todos e para todos por igual, no que para min, por encima das cores políticas sempre está Lourenzá e a súa xente”.

A alcaldesa de Lourenzá engadiu: “afronto este reto con moita ilusión pero coa seriedade que me dá a experiencia e o coñecemento de oito anos de goberno a fronte da Alcaldía e sendo consciente de que aínda son moitas as cousas que nos quedan por facer. Ser alcalde ou concelleiro do noso municipio é a maior honra que pode ter unha persoa con vocación de servizo público. Por iso eu síntome plenamente orgullosa deste reto e estou moi agradecida a tantas e tantas persoas que ó longo destes 8 anos nos destes o voso apoio e confianza. Neste momento de gran emoción institucional e persoal quero mostrar a miña gratitude a todas as veciñas e veciños de Lourenzá, aos que os votaron e aos que con toda lexitimidade preferiron outra opción política. Dende este momento sigo sendo a alcaldesa de todas e de todos e ó servizo de todos traballarei con humildade e xenerosidade buscando sempre o que creo mellor para Lourenzá. Este será o meu empeño, tal e como foi dende que entrei a formar parte desta corporación municipal no ano 2015”.

A rexedora municipal comentou ademais: “quero ter tamén unhas palabras de agradecemento para os concelleiros da oposición desta lexislatura que rematou porque a pesar das diferenzas que puidemos ter e dos diferentes puntos de vista sempre defendemos o que críamos mellor para Lourenzá. Quero ter tamén un moi merecido agradecemento para os concelleiros que me acompañaron noutras lexislaturas e que hoxe xa non están e sobre todo para os que estivestes á fronte das distintas concellerías nestes últimos 4 anos porque sabedes que sempre vos digo que é un pracer traballar con vós. Grazas polo empeño que poñedes en defender á perfección cada área que representades e sobre todo grazas pola unión e o cariño que tedes cara á miña persoa. E tamén permitídeme ter unhas palabras de benvida para un concelleiro novo que este ano inicia a súa andadura política e que estou segura que vai a desenvolver moi ben o seu cometido neste equipo de goberno. Unha mención tamén especial para os concelleiros que pasades a integrar a oposición, da que eu tamén nalgún día formei parte; dicirvos que estamos no mesmo equipo, no das persoas que asumimos axudar ó noso pobo dende a política local, por iso sempre atoparedes a miña man tendida para traballar no mellor para Lourenzá e para servir a cidadanía. E por suposto, en último lugar e non por iso menos merecido agradecemento, senón todo o contrario, moitas grazas á miña familia por toda a comprensión que teñen comigo, sobre todo por todo o tempo que lles roubo e que non podo compartir con eles e por todo o que lles vou a roubar; sei que ás veces non é fácil, pero, mamá e papá, os veciños déronme esta responsabilidade e non podo fallar. E, como non, teño que dar as grazas dun xeito moi especial a todo meu equipo, a todos os que formades parte da miña segunda familia, a socialista, por todo o traballo e a contribución a este proxecto. E tamén grazas aos funcionarios e traballadores deste Concello polo desempeño das súas labores para un bo funcionamento no día a día do noso municipio”.

Rocío López rematou o seu discurso dando as grazas “ós meus veciños, a todos os que estades aí no día a día, a esa xente das asociacións, por traballar e colaborar con nós sempre que o pedimos, porque cando as cousas se fan entre todos está claro que sempre saen mellor. Grazas pola colaboración e o apoio que me mostrades sempre, por todo o que aprendín e aprendo con vós, por facerme sentir próxima, esa alcaldesa veciña e amiga que sempre quixen ser. Digo sempre que un alcalde non nace, un alcalde faise, e eu fágome con vós. Con cada proposta que teño que sacar adiante, con cada proxecto, con cada tarefa que me encomendades. É un privilexio poder traballar no ben común e no que creo mellor para o meu pobo. E remato xa dicíndovos que tanto eu como os meus compañeiros imos traballar dende xa, dende o lugar que nos outorgaron os veciños, con responsabilidade, con seriedade e con humildade para loitar polo que cremos mellor para Lourenzá e para o benestar da veciñanza laurentina. Moitas grazas a todos e a todas pola vosa confianza, e sobre todo grazas tamén por estar presentes neste acto de constitución da nova corporación municipal. Grazas por facer que o día de hoxe sexa outro día para recordar na historia do Concello de Lourenzá”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...