InicioCentralLourenzáVilanova será o escaparate para os cabalos de pura raza galega

Vilanova será o escaparate para os cabalos de pura raza galega

A rexedora municipal, Rocío López, engade que “será obrigatorio utilizar máscara en todo o recinto e en todas as actividades programadas cumpriranse os protocolos Covid”.

Publicada o

- Advertisement -

O recinto feiral de Vilanova de Lourenzá acollerá o vindeiro día 10 de outubro concursos morfolóxicos, exposición e carreiras de cabalos de pura raza galega. Estas actividades están organizadas polo Concello de Lourenzá en colaboración coa Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (PURAGA).

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, anunciou que “esta xornada estará animada polo grupo de música tradicional Souto Xímaro e tamén se poderá degustar o polbo nas dependencias da feira laurentina”. A rexedora municipal engade que “será obrigatorio utilizar máscara en todo o recinto e en todas as actividades programadas cumpriranse os protocolos Covid”.

O responsable da sección de andadura de PURAGA, Nacho López, explica que “na asociación estamos traballando principalmente na promoción do cabalo de pura raza galega e levamos aproximadamente un ano cun novo proxecto, a recuperación do cabalo marchador galego”.

Segundo López, a andadura galega é un deporte tradicional desde hai séculos. Primeiramente os cabalos de andadura utilizábanse sobre todo para o transporte de persoas porque pola súa capacidade de movemento de andadura, permitían á xente moverse durante moito tempo dunha maneira moi cómoda.

En canto ao programado para este domingo en Lourenzá, Nacho López anuncia que pola mañá realizaranse concursos morfolóxicos oficiais de cabalos de pura raza galega, de machos, de femias e de poldros e poldras de entre 6 e 2 anos, para valorar o futuro da raza.

A mediodía, presentarase publicamente o proxecto de recuperación do cabalo marchador galego. Pola tarde unhas celebraranse carreiras nas que só poderán correr cabalos de andadura tradicional do país.

Para rematar Nacho López destaca que o obxectivo principal “é facer unha feira moi enxebre, moi tradicional, dándolle o seu lugar aos cabalos tradicionais de Galicia. A nós gústannos todo tipo de cabalos pero queremos defender sobre todo ao cabalo autóctono de Galicia, tanto o de pura raza galega como o de andadura tradicional”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...