O proxecto Posta en Valor da Faba de Lourenzá: sanidade da semente, cultivo e comercialización celebrou a súa primeira reunión de presentación o venres, 15 de outubro, na cooperativa produtora de Faba de Lourenzá Terras da Mariña, unha das entidades que desenvolve a iniciativa xunto coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), o Centro Tecnolóxico da Carne e a Universidade de Santiago de Compostela.
O obxectivo principal do proxecto é profesionalizar o cultivo de horta da Faba de Lourenzá, mellorando a súa produción sen minguar a calidade e achegando valor no seu procesado e posterior comercialización. O proxecto engloba varios ámbitos, empezando pola avaliación da sanidade dos lotes de semente e o seguimento epidemiolóxico para atopar as mellores técnicas de cultivo, de protección e de selección da semente. Para iso, traballa na creación dun kit de análise de potyvirus e Ps. Ph. que axude a mellorar a sanidade das plantas, diminuíndo a incidencia de viroses e a perda de produción que ocasionan.
Busca, ademais, homoxeneizar a calidade da faba e crear un programa de trazabilidade e xestión integral deste produto, con datos dende a súa procedencia a ata a traxectoria dos lotes. No que respecta á comercialización, aspira a revalorizar a Faba de Lourenzá con novos produtos como o hummus de faba, que acheguen valor engadido mantendo unha produción sostible e respectuosa co medio e a tradición.
O proxecto Posta en Valor da Faba de Lourenzá: sanidade da semente, cultivo e comercialización está financiado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.