O programa de actividades da III Festa Campesiña de Lourenzá, que se celebrará no Campo dos Bolos de Vilanova, comeza este sábado, día 18, ás oito e media da tarde coa actuación da Rondalla Trovadores de Ares. E o domingo 19 haberá feira de artesanía e alimentación, mostra de vehículos clásicos, exposición de razas autóctonas de Galicia, obradoiros, actuacións musicais, xantar, actividades infantís, queimada, premios para as mellores caracterizacións e tapas de porco celta.
O inicio das actividades do domingo está programado para as 11 da mañá. Para esa hora está prevista a apertura da feira con stands de artesanía e alimentación, da mostra de vehículos clásicos a cargo da asociación Vespa&Faba e da exposición de razas autóctonas de Galicia. Ademais comezarán os obradoiros de roca e cardado con la e de trenzas, pulseiras e tobilleiras, que se desenvolverán durante todo o día.
Para as 11:30 horas está programada unha actuación a cargo da asociación Osorio Gutiérrez e media hora máis tarde terá lugar a actividade Xogando na leira (Recuncho das argalladas). Ás 12:30 horas haberá concerto da Banda de Música de Lourenzá e ás 13:00 actuará Mapato, percusión africana. Media hora máis tarde empezará a sesión vermú amenizada polo dúo Epo-K, con cantina da asociación Conde Santo.
O xantar campesiño, organizado pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL), será ás 14:00 horas e o menú está composto por empanadas, tortillas, bolos preñados, torreznos, bocadillos e coca de San Xoán. Os tiques para participar na comida estarán á venda no stand da ACIAL.
Ás 16:00 horas haberá actividades infantís, media hora despois volverá actuar Mapato, percusión africana e para as 17:30 está programado un concerto do grupo Toxo Guayaba. Ás 19:00 horas actuar outra vez o dúo Epo-K.
Ademais haberá premios paras mellores caracterizacións, queimada popular a cargo da Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá e tapas elaboradas con porco celta nos establecementos hostaleiros Galaxia, Morrigan, Torreón e O Forno de Tovar.
As actividades están organizadas polo Concello de Lourenzá coa colaboración de asociacións do municipio.
A alcaldesa, Rocío López, invita “aos veciños e veciñas e a todas as persoas que se acheguen ese día a Lourenzá a que o fagan caracterizados de campesiños e campesiñas para acadar que a festa teña a aparencia das que se celebraban en Galicia hai un século”.