Rosa Espiñeira: “Se a xente se move para mercar algo tamén pode facelo para ir a unha biblioteca”

O un de xuño celebrouse o XVI Agasallo a Luis Seoane na Biblioteca Marabillas no lugar de Arroxo, en Lourenzá. A antiga escola unitaria serve agora como espazo onde achegarse á lectura. Rosa Espiñeira é unha das creadoras do espazo e falamos con ela sobre esta biblioteca e o que supón para ela e para a veciñanza.


-O pasado 1 de xuño celebrastes na antiga escola unitaria de Arroxo (Lourenzá) realizastes O XVI Agasallo a Luis Seoane. Cal foi o motivo de traerdes esta celebración a Lourenzá?

Durante anos levamos facendo “Agasallos a Luis Seoane” porque son amadora de Seoane e investigadora da súa figura. Fixemos Agasallos a Luis Seoane na Coruña, Carral e agora mesmo como vivimos máis aquí que na Coruña, xa é o segundo ano de Agasallos a Luis Seoane en Lourenzá. O ano pasado fixémolo por primeira vez aquí ao descubrirmos esta escola baleira e en boas condicións. Falamos coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, a quen lle pareceu ben por ser un sitio que se podía aproveitar e darlle uso. Así o ano pasado fixemos lecturas de Seoane e entrelazando coa figura de Fernández del Riego, porque foran moi amigos e mesmo hai un libro de cartas do primeiro ao segundo, pois así comezamos. Ademais, plantamos un allo verde e unha planta de ruda en memoria dun libro de Seoane. Logo estivemos un ano sen vir polo local e os tres libros que deixaramos estaban impolutos.

-E durante este ano cales foron as actividades máis destacadas?

Este ano fomos máis en serio para facer unha biblioteca, “A Biblioteca Marabillas”. Dentro gardamos libros dunha biblioteca particular, polo de agora. Temos libros da editora Media Vaca que levou un premio ao labor editorial e convidamos aos responsables dar unha conferencia aproveitando unha doazón de libros que nos fixeron desde a editora. Podemos dicir que foi un comezo moi fermoso.

Falamos coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, a quen lle pareceu ben por ser un sitio que se podía aproveitar e darlle uso

-É de supoñer que foron necesarios arranxos no edificio para materializar a “Biblioteca Marabillas”?

Arranxamos o primeiro andar, onde vivía a mestra, e o andar de abaixo era onde se daban as aulas. No primeiro andar había uns estantes e agora engadímoslles tres baldas máis e contamos tamén con mesas e desa maneira artellamos a biblioteca.

Podemos dicir que foi un comezo moi fermoso

-Como foi a recepción por parte do público ante esta inciativa?

Foi chegando xente da contorna, de lugares un pouco máis lonxe como Foz, certamente o primeiro día foi marabilloso. Dicir tamén que no andar de abaixo trouxemos uns cafés e unhas bolachas para un día moi bonito. Achegáronse responsables dunha biblioteca que hai en Busto para observar o noso proxecto. Ademais temos o Camiño ao pé, aínda que non paran moito. Aínda así, un camiñante quedou sorprendido dunha biblioteca nun lugar tan pequeno. En realidade a biblioteca está ideada para a xente de toda a Mariña.

-E en concreto da veciñanza?

Estupendo, hai como unha axuda mutua e os nenos, cando chegaban as vacacións do verán, achegábanse para ler os libros que temos para eles. De todas maneiras, saben que a biblioteca está aberta para entraren, levaren libros para a casa e por iso digo que a relación é estupenda.

En realidade a biblioteca está ideada para a xente de toda a Mariña

-Tivestes medo de que o proxecto non funcionase?

Non, ningún. Cando descubrimos esta escola pensabamos que era unha casa particular e ao vermos unha placa e vimos que fora un centro educativo, dixemos que era un sitio perfecto. A idea é: a xente ten que moverse. Se se move até Coruña mercar algo pois pode facelo para visitar un lugar como este. Debemos ter en conta ademais que comezamos no mes de xuño e por tanto non é ter resultados inmediatos. Con todo, cando foi a Festa da Faba colocamos un posto con libros e explicamos á xente que o recadado iría para fornecer e arranxar a biblioteca, isto ademais permitiu irlle presentando o proxecto ás persoas que se achegaban.

-Por que escollestes o nome de “Biblioteca Marabillas”?

Porque me veu á cabeza, non hai nada detrás. É unha palabra moi bonita e porque nas bibliotecas podemos facer marabillas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here