Exposición do Cabalo Galego en Lourenzá para este domingo 23 de outubro

O evento foi presentado pola alcaldesa, Rocío López, e tres representantes da organización: Isabel Casariego, da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (PURAGA) e os laurentinos Diego Terrón e Zaira Braña.


Vilanova de Lourenzá acollerá este domingo, día 23, desde as 09:30 horas a segunda edición da Feira Exposición do Cabalo Galego, na que participarán exemplares procedentes das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. O evento foi presentado pola alcaldesa, Rocío López, e tres representantes da organización: Isabel Casariego, da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (PURAGA) e os laurentinos Diego Terrón e Zaira Braña.

A alcaldesa, Rocío López, explica que se organiza esta segunda edición do evento polo éxito que tivo a primeira, celebrada en outubro do ano pasado, e destaca que se prevé que este domingo a participación de exemplares e a presenza de público aínda sexa maior.

Diego Terrón, que ten exemplares de cabalos galegos, resaltou que “é unha feira dedicada ao cabalo de pura raza galega e ao marchador galego, que é unha raza que estamos intentando recuperar porque se perdera pola introdución de razas de fóra. Este é o obxectivo principal da feira aínda que tamén haberá probas para outras razas”.

Isabel Casariego anunciou que “vai ter lugar a final do campionato morfolóxico oficial de pura raza galega para eguas e sementais, organizado por PURAGA, que é a asociación da raza de cabalo galego. Imos ter tamén concurso morfolóxico oficial de poldros e poldras de pura raza galega, un concurso morfo-funcional para poldros e poldras de cabalo marchador galego e a final do campionato galego de andadura de cabalo marchador galego, nas modalidades de serrada e chapeada. Ademais faremos, ás 16:15 horas, o sorteo en directo dun poldro de cabalo marchador galego, para o cal as rifas pódense comprar ata o propio día da feira. Tamén haberá carreiras de andadura libres, de serrada e de chapeada e entregaranse premios para o mellor exemplar de pura raza galega e de cabalo marchador galego, para o xinete máis novo, para o maior número de exemplares e para o mellor engalanado ao xeito tradicional”.

Os organizadores esperan contar coa participación dun centenar de cabalos procedentes de diferentes lugares das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Isabel Casariego explicou tamén que este evento “celébrase en Lourenzá porque o ano pasado uns rapaces laurentinos, Diego Terrón e Zaira Braña, coa axuda da alcaldesa, propuxeron a PURAGA organizar unha feira do cabalo galego e fíxose a primeira edición. Este ano quixemos repetir, mellorar, facela un pouquiño máis grande e a idea é que quede Lourenzá como sede dun evento cabalar importante no mes de outubro como referencia para os vindeiros anos”. Agradece tamén a colaboración da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here