O deputado nacionalista mariñao Daniel Castro rexistrou a semana pasada no Parlamento Galego unha Proposición non de Lei para que a aula de fisioterapia do Centro de Saúde de Mondoñedo conte de xeito urxente con persoal para impartir o servizo.
O BNG apunta que desde hai varios anos o Sergas creou a praza de fisioterapeuta en Mondoñedo para atender a doentes dos concello de Mondoñedo e Lourenzá, pero ata que o BNG local en Maio do 2018 reclamou no concello a necesidade de que se impartise ese servizo na cidade non se soubo nada máis.
Deste xeito, e ate chegados a decembro do 2020 a Xunta de Galiza non anunciou que comezarían as obras de acondicionamento dunha sala no Centro de Saúde de Mondoñedo nas que poder ofrecer un servizo de calidade.
Pasados varios meses e ata o mes de abril do 2022 non se dan por acabadas as obras no centro, pero contrariamente ao agardado polos nacionalistas, a día de hoxe a aula segue sen persoal e a veciñanza de Mondoñedo e Lourenzá seguen tendo que ir a Foz para poder recibir tratamento fisioterapéutico.
Segundo denuncia Daniel Castro, que estivo en Mondoñedo acompañado do portavoz municipal Eloi Cabanas e membros do BNG Local presentado a iniciativa. “Estamos aquí ante un novo exemplo da política sanitaria da Xunta de Galiza que se basea en moita propaganda e moi pouco persoal sanitario, xa que a pesar de ter a sala especializada lista desde hai varios meses os habitantes de Mondoñedo e Lourenzá seguen sen poder contar cun servizo de proximidade digno do século XXI”.
As obras para habilitar a nova área de fisioterapia supuxeron un investimento de algo máis de 65.000€ e agora o centro conta cunha sala de exercicios con tres boxes de tratamentos para electroterapia, microondas e ondas de choque, dúas padiolas de tratamentos, dous ergómetros, unha mesa de mans, unhas espaleiras dun metro, paralelas e escaleira con rampla, entre outro material para a realización das terapias físicas e tratamentos recuperadores ou rehabilitadores dos pacientes.
O portavoz municipal, Eloi Cabanas insta a Xunta a que explique a tardanza na dotación de persoal para o Centro de Saúde mindoniense e pide fixar unha data aproximada para a posta en marcha do servizo. “Preguntamos no último pleno por este asunto e o alcalde evitou darnos unha data concreta e tendo en conta que a praza está orzamentada e consolidada na RPT do Sergas seguimos sen entender toda esta demora do servizo” conclúe.