Mondoñedo derrubará un edificio en Couto de Otero para eliminar un punto negro e humanizar a zona

A alcaldesa di que haberá "máis actuacións" no barrio, por onde pasa o Camiño norte

Á dereita, edificio e muro que o Concello derrubará. AXM

O goberno local de Mondoñedo demolerá un edificio e un muro tradicionais en ruína no Couto de Otero para eliminar un punto negro de circulación e iniciar un proxecto de humanización da zona.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, e a familia Arias Sanmartín asinaron este xoves na notaría da localidade un acordo para a compra por parte do goberno local da superficie precisa.

Esta rúbrica permitiralle ao Concello acometer unha primeira fase de intervención na zona, coa que quere “humanizar o barrio e embelecer unha das entradas á cidade”. Así, o goberno local prevé demoler esta ruína “de xeito inmediato”.

En concreto, o edificio e mailo muro están ubicados no número 6 do barrio do Couto de Otero, na parroquia de Nosa Señora do Carme. A parcela sitúase ao carón da traza do Camiño norte cara Santiago de Compostela.

Os inmobles están situados en solo urbán fóra do ámbito do plan especial de protección e rehabilitación do conxunto histórico da cidade.

Candia, coa familia propietaria. AXM

AUTORIZACIÓN DE PATRIMONIO

Deste xeito, Patrimonio autorizou as actuacións, constatando que o edificio se atopa nun evidente estado de ruína técnica, xa que carece de tellado e os muros das fachadas están derrubados. Ademais, atópase invadido pola vexetación e carece de porta e fiestras.

O inmoble, construído en 1880, ocupa unha parcela de 2.233 metros cadrados e linda polo norte, sur e oeste con vía pública, polo sur co Camiño de Santiago, e polo leste con outras parcelas de propiedade privada.

O Consello Asesor dos Camiños de Santiago tamén elaborou un informe favorable á demolición posto que se trata dun inmoble “de moi difícil recuperación” e porque a vía precisa “dun ancheamento para proporcionar máis seguridade ás persoas que a usen nun suposto excepcional, como é a saída desde a A-8”.

CONVERSAS CON DONOS

O Concello asegura que mantén conversas con outros propietarios para seguir avanzando nestes traballos. Candia explica que a actuación “non será a única que se levara a cabo para gañar espazo e incrementar a seguridade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here