InicioCentralMondoñedoMemoria da Mariña e un grupo de veciños de Mondoñedo inauguran o...

Memoria da Mariña e un grupo de veciños de Mondoñedo inauguran o monumento ao primeiro alcalde da II República

Publicada o

- Advertisement -

O colectivo Memoria da Mariña xunto cun grupo de veciños e veciñas da comarca que promoven a erección dun monumento funerario a Cándido Carreiras Domenech, primeiro alcalde mindoniense da II República, anuncian que o sábado, 15 de abril de 2023, terá lugar a inauguración, precedida de diversos actos na súa memoria que rematarán cun xantar de confraternidade, co seguinte programa:

12:00h.Pazo de Santomé

Xosé Ramón Veiga, historiador e profesor da USC: “Chegou, mais non para quedar. A II República na Galiza”

Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, “Cándido Carreiras, un republicano pola liberdade do mundo”

Coloquio moderado por Xusto Fernández Haro

13:30h.Cemiterio Vello (a carón da tumba de M. Leiras Pulpeiro): Inauguración do monumento funerario en memoria de Cándido Carreiras (custeado por subscrición popular).

Interveñen: Xulio Rodríguez, X. Luis Fernández Rivera e Caxigueiro.

14:30: Xantar de confraternidade na Casa da Penela (25 euros persoa).

Reservas (ata o 13 de abril): 683 148 757 (Xullo) 608 987 474 (Luis).

O monumento funerario

O monumento a Cándido Carreiras Domenech situarase no lugar onde descansan os seus restos, no Cemiterio Vello de Mondoñedo, a carón da tumba do seu amigo e correlixionario, o médico e poeta, Manuel Leiras Pulpeiro. O deseño é da autoría do artista mindoniense, Daniel Río ‘Caxigueiro’ e consta dun soporte sobre o que se asentará unha lápida de mármore, e sobre esta unha póla vexetal fundida en bronce, simbolizando o paso do tempo e a memoria.

Nos actos previos á inauguración do monumento informarase ás persoas asistentes sobre o contexto histórico e os convulsos tempos —perda das colonias americanas, I Guerra Mundial, guerra de África, ditaduras de Primo de Rivera e Franco— nos que Cándido Carreiras militou con vontade inquebrantable a carón dos dereitos e liberdades das persoas e dos pobos.

Cándido Carreiras Domenech (Mondoñedo, 1870-1947), político mindoniense, fiel á causa republicana federal, íntimo amigo e protector da memoria do médico e poeta, Manuel Leiras Pulpeiro, foi xastre, xornalista e rexentou un bar con servizo de libraría. Como xornalista colaborou en numerosos medios amais de correspondente en Mondoñedo de varios xornais galegos, especialmente de El Pueblo Gallego.

Como representante político, formou parte da corporación mindoniense en 1923, foi presidente da comisión xestora municipal con funcións de alcalde en 1931 tras a proclamación da II República, e concelleiro na derradeira corporación republicana destituída tras o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936.

O 15 de agosto de 1936 foi detido “por ser individuo de ideas republicanas y estar disconforme con el movimiento militar”. Tras uns meses recluído nos cárceres de Lugo, Monforte e A Coruña, a súa causa foi sobresida e pouco tempo despois quedou en liberdade. Ao final da súa vida padeceu penalidades de todo tipo, mesmo de subsistencia, e a súa memoria quedara practicamente borrada da historia. O monumento que se inaugura o 15 de abril pretende honrar o bo nome dun home xeneroso, o primeiro alcalde de Mondoñedo da breve etapa democrática da II República e un combativo defensor das liberdades.

Subscrición popular

Como xa se anunciou no seu momento, este monumento sufrágase mediante subscrición popular e a organización quere agradecer a excelente resposta por parte dun gran número de persoas. Lémbrase a quen desexe contribuír que a conta onde se recollen as doazóns para custear este monumento.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...