A Universidade de Santiago de Compostela investigará a necrópole do Combarro, en Mondoñedo. Dende o vindeiro 1 de agosto ata o 14 do mesmo mes, investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos, en colaboración co Concello de Mondoñedo, comezarán a escavación arqueolóxica na Necrópole medieval de San Vicente de Trigás, en Mondoñedo.
O pasado mes de xuño tivo lugar a reunión que xa poñía datas á nova investigación sobre a necrópole de San Vicente de Mondoñedo. Na reunión o arqueólogo municipal Abel Vigo, colaborador do proxecto, e o veciño Miguel Chao, dono dos terreos onde se está a necrópole e descubridor da mesma, explicaron ao equipo da Universidade de Santiago, que se desprazou ata o Concello de Mondoñedo, como foi a intervención de urxencia do ano 2013. Durante o transcurso desta reunión elaborouse un plan de estudo que permitirá levar a cabo a escavación arqueolóxica que comeza en agosto.
A intervención na necrópole permitirá comprender mellor distintos aspectos das sociedades e a economía na Alta Idade Media a través dun estudo interdisciplinar formado por especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval. O obxectivo da intervención será delimitar a necrópole, documentar as tipoloxías das tumbas, así como realizar as análises correspondentes sobre os restos óseos que informan sobre condicións de vida, alimentación, enfermidades ou mobilidade das persoas alí enterradas.
Á fronte desta investigación está o profesor en arqueoloxía medieval na Universidade de Santiago de Compostela, José Carlos Sánchez Pardo. “Trátase dunha necrópole singular na que a boa conservación dos restos óseos permitirá comprender os procesos sociais e económicos que estaban a ocorrer arredor da Idade Media na zona norte de Galicia” indica Sánchez Pardo, o investigador principal do proxecto. “A necrópole, escavada parcialmente polo arqueólogo Abel Vigo, ten moito que dicir sobre as dinámicas sociais dos grupos sociais que menos representados están nas fontes escritas”
A actuación contará cun grupo de investigadoras e investigadores asociados á arqueoloxía medieval galega. “Nesta fase da investigación realizaranse tres sondaxes ampliables que permitirán delimitar a área de enterramento dos individuos”, comenta a arqueóloga Celtia Rodríguez González, doutora en arqueoloxía medieval e directora da intervención. “A delimitación e documentación de todo o conxunto funerario será fundamental para as futuras fases do proxecto que permitirán coñecer dunha maneira interdisciplinar como eran e como se relacionaban estas persoas que viviron na época medieval no norte do territorio de Galicia.”
De igual modo, nesta investigación tamén estará presente Laura Blanco Torrejón, co-directora en campo e doutora en necrópoles altomedievais “A necrópole de Combarro é un bo exemplo para analizar as tumbas delimitadas por laxas que se documentaron en sepulturas vinculadas á Alta Idade Media no territorio”. Indica a investigadora.
O estudo desta necrópole contará co bioarqueólogo galego Patxi Pérez Ramallo, quen xa elaborou un informe preliminar sobre a muller atopada nesta necrópole na escavación de urxencia dirixida por Abel Vigo. “A muller tiña uns 35-45 anos, e presentaba desgaste dental, o cal parece indicar que a súa dieta baseábase sobre todo na inxesta de cereais como o millo”, ndica o bioarqueólogo da Universidade do País Vasco. “Este estudo axudará a comprender individualmente como en conxunto ás persoas foron enterradas neste cemiterio medieval”.
O equipo técnico tamén contará con investigadores e arqueólogos asociados á empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos cunha ampla experiencia neste tipo de contextos funerarios. “Esta intervención é unha oportunidade para coñecer o pasado medieval aproveitando a boa conservación dos restos óseos” Comenta Franciso Alonso Toucido, doutor en arqueoloxía medieval e xestor da empresa Tempos Arqueólogos.
O proceso de escavación, así como os resultados preliminares e o seguimento da intervención será contado a través das redes sociais do Laboratorio de Arqueoloxía Medieval @Labarqmed, grupo integrado por investigadores e especialistas en arqueoloxía medieval galega que engloba todas aquelas investigacións asociadas á Idade Media.
Esta intervención vincúlase aos proxectos “Ecologías y economías locales en la Alta Edad Media” (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación “Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval” (ARPAMED) financiado pola Agencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do “Plan Nacional Generación de Conocimiento 2020”.