A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este mércores na súa visita á feira tradicional de ‘As San Lucas’, en Mondoñedo, a importancia de destinar “máis servizos e máis apoios” ao medio rural para poder construír, dixo, “un medio rural vivo”.
“O que aquí se ve é a potencialidade do noso medio rural, a enorme tradición que hai ao redor del e o importante que é que sigamos apostando por iso para darlle moito máis futuro á xente que vive aquí“, manifestou a líder nacionalista, antes de destacar a longa traxectoria da feira de ‘As San Lucas’, á que cualificou como “a máis antiga de Galicia” e “unha das máis antigas de Europa”.
Na súa visita á feira mindoniense, a líder do BNG estivo acompañada polo deputado no Parlamento galego, Daniel Castro; o deputado provincial, Daniel García; a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; o portavoz municipal do BNG en Mondoñedo, Eloi Cabanas; e o resto de concelleiros da formación nacionalista no municipio.