InicioCentralMondoñedoEntregado en Mondoñedo o I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro

Entregado en Mondoñedo o I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro

O acto tivo lugar na Casa Consistorial de Mondoñedo e participaron Manuel A. Otero Legide, alcalde do Concello; Elena Candia, vicepresidenta do Parlamento de Galicia; Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro; Marcos Calveiro, director de Edicións en Galaxia, e Antón Riveiro, autor premiado.

Publicada o

- Advertisement -

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de entrega do I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro ao escritor Antón Riveiro Coello pola obra Hotel Carioca. O galardón, dotado con 9.000 euros e a publicación da novela por parte de Editorial Galaxia, está convocado polo Concello de Mondoñedo coa colaboración da Xunta de Galicia e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, co obxectivo de honrar a memoria do escritor mindoniense, do cal toma o nome, e promover a escrita en lingua galega.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades comezou dándolle os parabéns ao gañador pola súa nova novela “na que, a través da súa conexión entre Galicia e o Brasil, vemos, unha vez máis, a importancia de tecer pontes co mundo da lusofonía, ao cal estamos especialmente ligados pola nosa lingua e cultura”. Ademais, Valentín García agradeceu a iniciativa desta primeira edición tanto ao Concello como á Casa Museo Álvaro Cunqueiro por “homenaxear a un dos escritores máis relevantes das nosas letras ao tempo que se lle dá visibilidade ao talento da literatura en galego na actualidade”.

No acto, que tivo lugar na Casa Consistorial de Mondoñedo, tamén participaron Manuel A. Otero Legide, alcalde do Concello; Elena Candia, vicepresidenta do Parlamento de Galicia; Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro; Marcos Calveiro, director de Edicións en Galaxia, e Antón Riveiro, autor premiado.

Medio cento de novelas participantes

Hotel Carioca, elixida polo xurado de entre medio cento de novelas participantes, destaca, en palabras do xurado, pola “construción literaria do texto que alterna con mestría tempos e espazos, ao tempo que incorpora un fino xogo metaliterario para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva”.

Ambientada no verán de 1982, a historia ten como protagonista a Helena, unha rapaza de tan só 13 anos que lle le á súa avoa a correspondencia do seu tío favorito, Leandro, que vive no Brasil. Pero un día chega unha carta que anuncia a morte do tío querido. Sospeitando que pode tratarse dun asasinato, comeza a investigación dun misterio que converte a Helena nunha escritora precoz ao tempo que se van abordando temas tan actuais como a homosexualidade, os coidados, a eutanasia, a emigración, a amizade, a descuberta da sexualidade e, sobre todo, o mundo da creación artística.

Sobre o autor

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos nomes destacados da literatura galega dos últimos anos. Articulista, poeta ocasional e escritor de relatos, é autor de novelas tan coñecidas como A quinta de Saler (finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester, 1999), Animalia (Premio Café Dublín, 1999), As rulas de Bakunin (Premio García Barros de Novela, 2000), Laura no deserto (Premio da Crítica Española, 2011) ou O paraíso dos inocentes (Premio Torrente Ballester, 2020), entre outras.

ÚLTIMAS

Entregadas en Ribadeo as primeiras Cestiñas dos Arrolos a catro familias

O Concello de Ribadeo entregou este venres as primeiras cestiñas dos arrolos a catro...

A Concellaría de Benestar de Viveiro participará na Misión do Fondo Galego de Cooperación aos campamentos Saharauis

O Concello de Viveiro estará representado na misión do Fondo Galego de Cooperación e...

Cervo felicita á veciñanza co seu tradicional Calendario de Nadal

O Concello de Cervo vén de presentar o seu tradicional calendario de Nadal que...

UNED en Foz organiza tres actividades formativas para este decembro

A concelleira da Aula Universitaria da UNED en Foz, Elena Martínez Pena, e a...